Entrega do Premio

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, entregou o Premio “Pura e Dora Vázquez” á escritora coruñesa Eli Ríos e á ilustradora de Ciudad Real Patricia Román.

 

Ríos e Román foron galardoadas na XII edición deste certame, un dos máis importantes da literatura galega no ámbito infantil e xuvenil e que o goberno provincial organiza co obxectivo de recoñecer o legado das escritoras ourensás Pura e Dora Vázquez e promover a lectura entre os máis novos. Nun acto que tivo lugar no Salón de Plenos da Deputación de Ourense, Manuel Baltar propuxo que a partires da vindeira edición “o acto de entrega do premio se celebre nun centro educativo da provincia de Ourense para achegar aínda máis este recoñecemento aos seus destinatarios: o público infantil e xuvenil”.

O presidente do goberno provincial felicitou as galardoadas e resaltou o explicitado polos xurados, “a alta calidade literaria e artística dos traballos premiados: o texto Bicha, de Eli Ríos, e as ilustracións de Patricia Román, baseadas no traballo narrativo da primeira”.

Pola súa banda, Eli Ríos dixo no seu discurso que este premio “ten unha significación moi especial para min porque lembra a figura de dúas mulleres que abriron camiño na narrativa infantil, un xénero tan maltratado”, e agradeceu á Deputación de Ourense o impulso que da con este premio á literatura feita para os máis novos “porque nos da visibilidade aos escritores que gozamos escribindo para nenos e xóvenes”.

Patricia Román afirmou que foi todo un reto “ilustrar esta historia para nenos pre-adolescentes, porque tiven que documentarme sobre as preferencias que teñen na actualidade os mozos e mozas desta idade, tan implicados como están nos temas sociais”. Neste senso, destacou que a súa obra ilustrativa “está feita con máis realismo do que adoita traballar, pero sen perder a maxia e a fantasía”.

Tamén tivo unhas palabra de agradecemento para o presidente Baltar e para a Deputación de Ourense o fillo de Dora Vázquez, Antonio Alejo Rodríguez Vázquez, quen animou ás premiadas a seguir “por ese camiño de excelencia e creatividade” e á Deputación “a continuar coa súa labor cultural de manter o nome de Pura e Dora Vázquez sempre presente na nosa literatura”.

O galardón  “Pura e Dora Vázquez” está dotado con 1.500 euros para cada unha das dúas modalidades e diploma para cada unha das modalidades (narración e ilustración).