Memoria Cruz Roja

O Comité Provincial de Cruz Vermella en Ourense aprobou a Memoria de Actividades 2014, que resume a atención ofrecida pola Institución aos colectivos más vulnerables da sociedade.

 

A biblioteca da Asemblea de Cruz Vermella en Ourense acolleu a primeira reunión do Comité Provincial presidida por Felipe Ferreiro Feijóo. Unha xuntanza na que os membros deste órgano da Institución aprobaron a Memoria de Actividades de 2014, publicación que recolle o intenso traballo realizado o pasado ano por Cruz Vermella na provincia para dar cobertura ás necesidades das familias afectadas pola crise, das persoas maiores, da infancia en risco de exclusión social e das persoas con discapacidade, entre outros colectivos.

Na súa primeira intervención ante o Comité Provincial, Felipe Ferreiro afirmou afrontar esta nova etapa con optimismo e confianza, sabedor da responsabilidade adquirida e dos retos de futuro. “Sabemos que as persoas necesitadas son cada vez máis, e tamén maiores e novas as necesidades, polo que se necesitan máis recursos”, dixo, e apelou “a facer un esforzo maior se cabe para dignificar ás persoas que nos necesitan e paliar entre todos os efectos da crise; temos que axudar a toda persoa que nos necesite, e temos que velo mesmo como un deber e unha obriga”.

Memoria 2014

Na presentación dos datos da Memoria de 2014, Ferreiro explicou a relevancia dos proxectos de loita contra a pobreza e das prestacións do chamamento de axuda Agora máis que nunca, aínda vixente, a través dos que se deu apoio a 3.877 persoas. Paralelamente, en cada unha das tres fases do Plan de Axuda ás Persoas Máis Necesitadas da Unión Europea, Cruz Vermella en Ourense distribuíu alimentos entre 88 entidades colaboradoras que achegan os alimentos a máis de 7.000 persoas en cada fase (dato non contabilizado no total de persoas atendidas).

Igualmente sinalou “o esforzo realizado dende o Plan de Emprego, principal vía de inclusión social”: 1.265 persoas recibiron orientación, das que 544 participaron en cursos de formación nos diversos proxectos, dirixidos a mozos/as, mulleres afastadas do mercado laboral ou que teñen sufrido violencia de xénero, persoas inmigrantes e persoas de difícil inserción laboral. Dos participantes destes proxectos o 65% foron mulleres, o 70% eran de nacionalidade española e o 54,9% levaba máis dun ano en situación de desemprego.

En canto á atención a inmigrantes, Feijóo lembrou que no 2014 Cruz Vermella deu apoio a 326 persoas e organizou unha xornada no Campus Universitario de Ourense para abordar a situación da inmigración en tempos de crise, na participou a subdelegación do Goberno, Cáritas, a Fundación Juan Soñador e UXT.

Feijóo salientou as medidas de protección á infancia en risco de exclusión social, que deron cobertura a a un total de 198 nenos dende os proxectos de Acollemento Familiar (programa da Xunta de Galicia xestionado por Cruz Vermella), o Centro de Día de Menores de Verín e intervención familiar.

Ligado a estes proxectos, o labor de Cruz Vermella Xuventude foi fundamental para o éxito escolar dos menores: 541 cativos recibiron apoio nos centros de mediación social e promoción do éxito escolar, 460 participaron no proxecto Xoguete Educativo e 324 aprenderon sobre dereitos humanos e os dereitos da infancia. Ademais 7.141 escolares recibiron charlas de Educación para a Saúde, Prevención de Condutas Violentas e Perspectiva de Xénero e Coeducación. O proxecto de atención á infancia hospitalizada atendeu a 1.454 nenos no CHUO.

Ferreiro subliñou “a atención ás persoas maiores como un dos eixos centrais da acción da Cruz Vermella na provincia de Ourense, unha das máis envellecidas do país”. No 2014, a organización humanitaria atendeu a 2.482 persoas maiores dende os proxectos de Teleasistencia Domiciliaria, Axuda a Domicilio Complementaria, Centro de Día, Respiro Familiar e Préstamo de Axudas Técnicas. O presidente provincial precisou que “o crecemento da atención aos maiores é un reflexo da realidade social da provincia, e por iso as a rede de asembleas comarcais e o seu voluntariado é tan importante para evitar o illamento no rural”.

No ámbito da saúde, Cruz Vermella promoveu hábitos de vida saudables entre a poboación en xeral a través das redes sociais, ou con campañas e accións concretas, como a colaboración co Centro de Transfusións de Galicia o Día Mundial do Doante de Sangue. A través do proxecto dirixido a persoas afectadas polo VIH/Sida atendéronse a 118 persoas e 2.814 participaron en diferentes obradoiros de prevención. No Centro Penitenciario do Pereiro de Aguiar 79 persoas reclusas participaron nun proxecto que busca a diminución de consumo de drogas a través de actividades educativas, deportivas e terapéuticas.

No que se refire a socorros e emerxencias, no 2014 realizáronse 123 servizos preventivos en distintos actos, maioritariamente de carácter deportivo e social. Ademais, no mes de setembro Os Milagros acolleu o Encontro Autonómico de ERIE Psicosocial: os equipos especializados no apoio psicolóxico e de asistencias ás vítimas en catástrofes e accidentes.