VII Festa da Palabra

Os galardóns recoñecen a persoeiros e entidades dos ámbitos social, das letras, emigración, Arte e Medio Ambiente, e comunicación.

 

A VII “Festa da Palabra”, que se celebrou este sábado na Insua dos Poetas, na Esgueva (Madarnás, O Carballiño), reivindicou a figura do xornalista, poeta, diplomático e galeguista Francisco Luís Bernárdez (Bos Aires 1900-1978). A súa vida e obra recóllese nun libro no que varios autores rescatan do esquecemento a este ilustre galeguista, e como afirmou o poeta e presidente do Pen Galicia, Luís González Tosar, coordinador da publicación, “é de necesidade manter viva a lembranza de quen fixo tanto pola nosa lingua e pola nosa cultura”. O volume que recolle a traxectoria vital e profesional de Bernárdez é unha edición que conta co apoio da Deputación de Ourense, da Xunta e do Pen Galicia.

No acto, que contou coas actuacións musicais de Miriam Sandoval e Lorena Lores, inaugurouse a Fonte das “Sete Palabras” e entregáronse os galardóns que recoñecen a persoeiros e entidades dos ámbitos social, das letras, emigración e comunicación. En concreto, no que atinxe ás Letras o galardoado foi o escritor Manuel Rivas; en Cultura Galega a Emigración, Francisco Lores Mascato; en Arte e Medio Ambiente, o Grupo Ecoloxista Outeiro; en Compromiso Económico e Social, o Grupo Gadisa; e en Comunicación e Difusión Cultural, o xornal Faro de Vigo.

Luis González Tosar foi o encargado de abrir o acto nesta xornada festiva para a palabra na nosa lingua. Con el estaba o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; e o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez; o presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero; o presidente da Academia Arxentina das Letras, José Luís Moure; o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o vicepresidente do Parlamento, Miguel Santalices, xunto a persoeiros dos ámbitos institucional, social e cultural de Galicia.