A proposta deberá ser aínda aprobada polo pleno do Concello

Proceder ao pago de facturas e débedas pendentes de exercicios anteriores, facer fronte a compromisos con asociacións e entidades sociais, achegar a parte municipal para executar investimentos cofinanciados por outras administracións, financiar o realoxo dos comerciantes da Praza de Abastos de cara ás próximas obras de rehabilitación do edificio, reforzar os programas da área social e afrontar gastos e investimentos necesarios ata final de ano son os principais obxectivos do proxecto de modificación orzamentaria que o goberno municipal aprobou este luns en Xunta de Goberno local.

O voceiro do goberno, Francisco González, e a concelleira de Facenda, Ana Morenza presentaron esta proposta, que será trasladada aos grupos da oposición e deberá ser aprobada polo Pleno do Concello.

A modificación orzamentaria ascende a 11.730.254 euros. O primeiro obxectivo é financiar as débedas comerciais, por importe de 9,3 millóns de euros, xeradas en 2014 ou en anos anteriores que non se aprobaran en dito exercicio.

Farase así unha dobre actuación. Por unha banda, dótase o crédito necesario para pagar facturas e outras débedas que ainda hoxe están pendentes de pago, por importe de 3,07 millóns de euros. Por outra, repóñense nas partidas do orzamento vixente os créditos que foron consumidos por facturas de anos anteriores que xa foron aprobadas con cargo ás partidas do presente ano, por importe de 6,229 millóns de euros. Esta reposición de fondos permitirá que os programas aos que se destinan estas partidas podan continuar desenvolvéndose.

Os restantes 2.430.233 euros serán para gastos e investimentos a realizar ata final de ano. A modificación financiarase con cargo a superávit orzamentario e remanente de tesouraría.

Canto o superávit real do Concello, 3.435.165 euros, destinarase á inversións financieiras sostibles, concretamente: á renovación da flota de autobuses (2.658.565 euros), a mellora do saneamento de Ourense, EDAR de Ourense (776.600 euros) e ao proxecto de abastecemento de auga a Ourense (100.277 euros).

A modificación permitirá tamén levar a cabo o normal desenvolvemento do exercicio, nos diferentes ámbitos; infraestruturas, cultura, benestrar, etc., e o pago da débeda pendente. Así, permitirá conceder as subvencións nominativas que se adebedan ás asociación de veciños, entidades sociais para o desenvolvemento da súa actividade. Estas subvencións concedidas e recoñecidas supoñen un importe de 403.952,18 euros. Tamén se poderán executar infraestruturas necesarias, especialmente no perímetro rural por un importe de 275.000 euros que suporán a xeración de emprego e redundarán na mellora da cidade.

Ademais, poderase contar con partidas para poder cofinanciar subvencións concedidas a este Concello por outras administracións e, consecuentemente, evitar a súa perda. Aquí estaríamos falando do Plan especial de emprego, obradoiro e infraestruturas como as das obras do polígono de Seixalbo, para as que o Concello precisa aportar 59.285,30 euros para a súa cofinanciación. En caso contrario, perderíase a subvención.

Facer fronte a indemnizacións xudiciais por importe de 1.250.000 euros e levar a cabo actuacións de realoxo dos comerciantes da Praza de Abastos nº1 son outros dos destinos dos fondos que se obterán coa modificación orzamentaria.

A modificación de crédito permitirá tamén poñer en marcha novos programas sociais como “Ourense Integra”. Este programa de nova creación destinará 250.000 euros a cubrir axudas de carácter periódico dirixidas a persoas en situación de vulnerabilidade social que, por diferentes motivos, non poden acceder a prestacións regradas doutras administracións públicas.

Con esta modificación de crédito o remanente de tesouraría do Concello de Ourense quedará situado en 30 millóns de euros.