A sesión plenaria de agosto adiantarase ao xoves 30 de xullo.

O alcalde convocou este luns xunta de portavoces para concretar coa oposición aspectos do funcionamento dos plenos así como informarlles sobre os resultados das súas recentes reunións coa ministra de Fomento e co presidente da Xunta.
Da xuntanza saíron con varios acordos. Así, tres dos catro grupos políticos con representación na corporación ourensá (PP, DO e PSOE) acordaron limitar a tres mocións as que pode presentar cada partido por pleno, reducindo os tempos das intervencións a seis minutos na primeira intervención e tres na segunda (agora os políticos podían falar oito e catro minutos). Era a proposta que facían os socialistas, fronte á redución a 2 mocións por partido de PP e DO e a petición de que non houbera límites de OueC.

Nesta reunión tamén se concretou a data do pleno de agosto, que habitualmente se adianta a finais xullo. Será o día 30 deste mes, logo de que se atendera a petición de DO para que puidesen asistir todos os edís.

Xuntanzas con Feijoo e Pastor
Jesús Vázquez aproveitou a xunta de voceiros para dar conta dos resultados das súas recentes reunións coa ministra de Fomento e co presidente da Xunta de Galicia, tal e como lle solicitara a semana pasada o voceiro socialista.

Segundo explicou o portavoz do grupo de goberno, Francisco González, Vázquez intentou nestas xuntanzas “desatascar asuntos que estaban atascados, que non é un labor pequeno”, como a integración do AVE na cidade ou a estación intermodal.

No caso da circunvalación norte, o portavoz popular explicou que é preciso executar esta obra antes de acometer a do bulevar termal, pois “o Ministerio por lei non permite pechar unha estrada nacional se non hai unha cobertura equivalente de capacidade, algo lóxico, porque ese tráfico hai que canalizalo por algún lado”.

González sinalou que Vázquez voltou de Santiago co compromiso da Xunta de investir medio millón de euros en obras de adecentamento da ponte do Milenio e outro millóns de euros (a executar en dúas fases) para acondicionar a ponte Romana.
O político popular recalcou que “o alcalde está dando pasos para que estes esforzos se vexan plasmados nos orzamentos, e hai temas que é evidente que estarán, como a reforma da Praza de Abastos, que é xa algo tanxible”.

Vázquez Barquero saiu da Xunta de Portavoces coa impresión de que o rexedor non profundizou nas explicacións “porque non había que profundizar, xa que el recoñeceu que só logrou un compromiso, pero non se concretou nada. Xa veremos o que acontece cando se presenten os orzamentos de Fomento e da Xunta”. Nese sentido, recalcou que “non hai un compromiso de aportar euros contantes e sonantes para desenvolver os proxectos dos que o alcalde fala”, e limitou estes encontros de Jesús Vázquez a “unha política de márketing, institucional e partidario” previa ás eleccións xerais.

Na mesma liña, o voceiro de Democracia Ourensana, Gonzalo Pérez Jácome, apoiou as teses de Barquero: “son necesidades que Ourense tiene desde hace tiempo y que ahora se conceden porque coincide el PP en el gobierno, por lo que mostraría una mala intención de los dirigentes que no se preocupan de lo que necesitan los ciudadanos si no que como ahora está el PP gobernando deciden ayudarle”.

Pola súa banda, o voceiro de Ourense en Común, Martiño Xosé Vázquez, consideraba que “detrás de cada decisión (en referenza aos anuncios feitos polo alcalde) hai unha parte política”, que vinculaba coa próxima campaña electoral. O político da “marea” ourensá botou en falta que Jesús Vázquez abordara o apoio do Concello ao CIFP Portovello na súa reunión con Feijoo; “amosa que non hai un interese de urxencia por algo que se aprobou en pleno”.