Segundo Manuel Baltar, “o que lle vai ben a Ourense ten que ter á Deputación ao seu carón”.

 

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, participou xunto ao presidente da Confederación Empresarial de Ourense (CEO), José Manuel Pérez Canal, e o responsable territorial de Abanca, Rubén Saavedra, na presentación da Oficinal de Atracción de Investimentos da CEO, que tivo lugar na sede da entidade empresarial.

A Oficina ten como obxectivo “dinamizar a actividade económica na provincia mediante a atracción de potenciais investidores, ofrecendo o apoio necesario para que se localice calquera tipo de actividade económica”, explicou Pérez Canal. “Con esta ferramenta –dixo- preténdese publicitar as potencialidades da nosa provincia coa finalidade de facer negocio”.

Pola súa banda, Manuel Baltar dixo que a Deputación “ten que estar nesta iniciativa porque conformamos xunto cos outros dous integrantes da mesa as institucións público e privadas que temos un obxectivo común que coincide co noso ámbito territorial: a provincia de Ourense, e iso conleva interiorizar tres palabras, cuxas iniciais son las mesmas que as da CEO, como son “Creo en Ourense”; e temos que traballar para facela rendible, non só cultural e socialmente senón tamén economicamente”.

Manuel Baltar destacou os catro eixos estratéxicos de desenvolvemento para a provincia de Ourense nos vindeiros catro anos como son o Plan “Ourense, a provincia termal”; o Plan de Competitividade para empresas, con axudas para a internacionalización, presentado en Bruxelas o ano pasado; a primeira Axencia da Enerxía e do Medio Ambiente do Estado, e un plan que converta a Ourense en “provincia intelixente” no ámbito do uso da intelixencia tecnolóxica.