Jesús Vázquez

Vázquez di, en referenza aos socialistas, que “non entendería que aquelas persoas que provocaron esta situación agora poidan provocar a paralización da cidade”.

O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, saiu ao paso das críticas feitas polo voceiro socialista, José Ángel Vázquez Barquero, á modificación de créditos que pretende aprobar o goberno popular. Segundo Vázquez, as arcas municipais están nunha “situación de emerxencia” provocada polo anterior Goberno municipal, polo que a modificación orzamentaria é necesaria. “En caso de non poder facela, estaríamos colapsando non só ao concello senón tamén a toda a cidade”, afirmou en referenza ás facturas pendentes de pago a provedores, ao compromiso de axudas para entidades sociais ou mesmo á reforma da Praza de Abastos, que precisa tamén de fondos municipais.

Por iso, e sen querer “entrar en polémicas” e con disposición a “sentarnos e negociar”, o alcalde popular avisa ao grupo socialista que “non entendería que aquelas persoas que provocaron esta situación agora poidan provocar a paralización da cidade”.

A xuízo do rexedor, a modificación de créditos, que ascende a 11,7 millóns de euros, é precisa para “poder dar cobertura ás necesidades tanto sociais como as situacións pendentes de cara ao resto do execicio, non é un capricho da actual corporación”.

Vázquez Barquero pedira esta mañá na xunta de área de Facenda “acceso ao expediente completo, relación cuantificada das débedas de exercicios anteriores, e o estado de situación das contas do orzamento municipal a día de hoxe”. En función das explicacións recibidas, decidirían o seu voto no pleno do 30 de xullo.

Para o socialista, co expediente de modificación de créditos aprobado en Xunta de Goberno local este luns, “o Goberno falta á verdade nos termos en que fai esta proposta, contradise na mesma e computa de xeito incomprensible o uso desa modificación de crédito, non coñece cales son as necesidades da cidade e é incapaz de establecer prioridades e pretende impor unha modificación de créditos aos diferentes grupos”.

En particular, as críticas do voceiro socialista centrábanse na débeda comercial, pois, ao seu ver, non queda claro a canto ascende. Barquero, que asumía competencias de Facenda no pasado mandato, negou “que se deban 9,3 millóns de exercicios anteriores a provedores”. Tampouco quedaba claro para o socialista o cómputo das partidas que entrarán na modificación, “a conta non me sae”, recalcaba. E ademais, criticaba a reposición da flota de autobuses urbanos, ao non considerala “prioridade”, tendo en conta que está en marcha o concurso para renovar a concesión e a renovación dos vehículos pode ser unha mellora que oferten as empresas que concurran. A este respecto, o alcalde respostaba que “un investimento de 2,6 millóns provoca un aforro de 2,7 millóns euros nos próximos dez anos”; “estamos facendo unha xestión eficiente cos recuros públicos”.