Beatriz Mato con Sofía Godoy e Jesús Vázquez

A gardería será construída pola Fundación Amancio Ortega e pasará a integrarse na rede da Xunta.

 

O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, e a conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, mantiveron este martes un encontro no consistorio ourensán, do que saiu o compromiso do Goberno local de poñer a disposición da Fundación Amancio Ortega os terreos necesarios para a construción dunha escola infantil pública na cidade.

O acordo fora tomado hai dous anos entre a titular de Benestar e o anterior grupo de goberno, pero faltaba concretar o soar no que se ubicaría esta dotación. Agora o novo goberno propón unha finca en Mariñamansa, próxima aos centros escolares e á gardería pública xa existente na zona; “é a única parcela que podemos poñer a disposición da Fundación”, apuntaba Vázquez. Será a Fundación Amancio Ortega quen se faga cargo da súa construción, coa estimación de apertura a finais de 2016, calculaba o rexedor. Actualmente hai en Ourense máis de 230 familias en lista de agarda para unha praza en escolas infantís públicas. A nova dotación ofrecerá 82 novas prazas de 0 a 3 anos.

O outro compromiso que arrincou o mandatario local a Mato é o incremento nun 50% nas horas concedidas para o servizo de axuda a domicilio a persoas dependentes. Segundo explicou a conselleira, o aumento permitirá ofrecer máis de 8.000 horas de atención á dependencia para finais de ano, e “esgotar a lista, alomentos das persoas máis dependentes”.