A asemblea aberta da “marea” decidiu rebaixar en 4.500 euros o salario das súas concelleiras para adaptalo ao salario medio da provincia de Ourense.

 

Ourense en Común presentou este martes por escrito no rexistro da Casa Consistorial a renuncia dos seus tres edís a todos os privilexios adquiridos pola súa condición de electas. Unha solicitude elaborada ao abeiro do Código Ético desta organización na que se establece que estas deberán “renunciar publicamente aos agasallos e privilexios que lles poidan facer pola súa condición”.

Entre as renuncias expresas contempladas neste escrito recóllense a devolución das medallas conmemorativas que cada membro da corporación recibe cada lexislatura. Un acto que máis aló do aforro municipal, cada medalla está valorada arredor dos 300€, pretende “visibilizar unha forma de actuar que pouco ou nada ten que ver coa pretendida eficiencia no
gasto defendida polo actual equipo de goberno”. Nesta mesma liña sitúase a renuncia ao espazo de aparcamento sito na Rúa da Barreira para membros da corporación ou ao denominado dossier de prensa que cada grupo municipal recibe diariamente. Trátase de arredor dun cento de fotocopias diarias de toda a prensa que dende Ourense en Común consideran “insostible dende o punto de vista medioambiental, xa que nin sequera emprégase papel reciclado para tal, e inútil dende o prisma da utilidade posto que se recibe igualmente a prensa orixinal”. Prácticas diarias que a organización municipalista está detectando e que dende o seu punto de vista amosan un “proceder non reflexivo que mantén formas e gastos innecesarios así como privilexios pouco éticos para quen debería estar traballando pola comunidade”.

Limitación do salario

Por outra banda a asemblea que Ourense en Común celebrou o pasado venres decidiu limitar o salario das dúas concelleiras con dedicación parcial. Xa que no Código Ético aprobado co que acudiron ás eleccións do pasado mes de maio só se establecía un límite máximo de retribucións, vinculando as percepcións ao nivel de responsabilidade, dedicación e exposición pública, de acordo coa capacidade orzamentaria e someténdose á prioridade do ben común, polo que se facía necesario especificar a situación concreta das concelleiras electas de OUeC na actual corporación. Así é que enténdese dende este grupo que “unha retribución axeitada para calquera concelleira con dedicación exclusiva sen delegación de competencias sería de unha vez e media o salario bruto medio da provincia de Ourense, segundo os datos do Mercado de Traballo e Pensións nas Fontes Tributarias, publicado anualmente pola A.E.A.T”.

Tomando os datos publicados no ano 2013 esta remuneración sería de 24.798 euros brutos anuais. No caso das concelleiras de OUeC que na actualidade teñen dedicación a tempo parcial, Ledicia Piñeiro e Martiño Xosé Vázquez, habería que aplicar sobre esta cantidade a porcentaxe de parcialidade correspondente, esta é do 50 %, quedando esta retribución
en 12.399 euros brutos anuais. Unha redución de 4335.9 euros con respecto á proposta de retribucións dos membros da Corporación Municipal feita pola alcaldía. Un límite que operará tamén para o concelleiro Miguel Doval que non ten dedicación exclusiva. Será a asemblea novamente a que decida o fin dese excedente e a que velará porque os cargos non  sufran prexuízo algún ou sexan penalizados fiscalmente por mor desta fórmula salarial.