As tarifas máis reducidas nos niños e o curso de creación de microempresas serviron de incentivo para a instalación de novas iniciativas de negocio.

O Parque Tecnolóxico de Galicia-Tecnópole aumenta a súa nómina de empresas coa incorporación de catro novas iniciativas de negocio especializadas en produtos e servizos innovadores, o que eleva a 90 o número total de entidades instaladas no recinto. A chegada destas novas empresas viuse incentivada pola redución das tarifas dos niños da incubadora e tamén polo primeiro curso de creación de microempresas.

As empresas recén chegadas desenvolverán a súa actividade nos sectores da internet das cousas, dos servizos de fotografía especificos para empresas e da divulgación científica.

Clicisa chega á Tecnópole co obxectivo de prestar servizos de investigación, consultaría, asesoramento e implantación de tecnoloxía relacionada coa internet das cousas, un concepto que se refire á conexión dos obxectos cotiáns coa Rede. Coa experiencia de máis dunha década traballando no sector tecnolóxico, os seus promotores decidiron abrir mercado en Galicia nun sector novidoso de alto valor engadido.

Nuria Sotelo asistiu á primeira edición do curso de creación de microempresas organizado por Tecnópole e como resultado nace agora Profocus, especializada en servizos de fotografía para empresas que venden por internet. A súa idea gañou o premio ao mellor proxecto do curso e nela combínanse a experiencia dela como enxeñeira informática especializada en e-commerce e a do seu socio, Ricardo Pascual, como fotógrafo profesional.

A fotografía industrial será o campo de traballo de Elena Repetskaya, que se instala na Tecnópole para prestar servizos nos sectores aeronáutico, arquitectónico, turístico e do patrimonio. “Cada traballo inclúe a investigación previa do obxecto que se vai captar e tamén a aplicación de novas técnicas de captura e novas tecnoloxías, aínda que a prioridade é conseguir un resultado visual único sen apenas retoques mediante software de posprodución dixital”, indica a fotógrafa, que pensa aplicar á fotografía industrial a súa experiencia e coñecementos no ámbito artístico.

Ademais, incorpórase na modalidade de domiciliación virtual a empresa Ceo Aberto, colaboradora habitual da Tecnópole na organización de actividades de divulgación como a Galiciencia, as Aulas Tecnópole e o campamento tecnolóxico de verán.