Jesús Vázquez e Francisco Conde

O alcalde de Ourense mantivo este venres en Santiago un encontro co conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde.

Na reunión os dous políticos analizaron actuacións conxuntas de impulso ao comercio e ao tecido empresarial ourensán, sectores que Conde calificou como motores claves do emprego do municipio. En particular, trataron polo miúdo o apoio ao comercio de proximidade da cidade das Burgas, na busca de actuacións compartidas que permitan incrementar a competitividade dos establecementos.

Conde salientou que esa vontade do Goberno galego responde ao constante apoio que a consellería vén prestando durante os últimos anos ao tecido comercial ourensán, mediante o respaldo ás asociacións de comerciantes da localidade, que teñen permitido amplas oportunidades de mellora para o tecido comercial. O alcalde, Jesús Vázquez, lembrou a necesidade de que a Xunta apoie a rehabilitación da Praza de Abastos nº1, para a que o Ministerio de Fomento concedeu o apoio do 1,5% Cultural.

Ademais de estudar eses avances, Conde e Vázquez trataron as distintas iniciativas de apoio ao tecido empresarial e industrial ourensán. Neste eido, ambos coincidiron na necesidade de impulsar a dinamización empresarial do municipio, a través do apoio ás empresas, o impulso aos emprendedores e a rmellora das infraestruturas empresariais, como claves para gaantir o desenvolvemento económico.