Os socialistas presentan unha moción ao pleno do 30 de xullo para apurar a integración ferroviaria da cidade.

 

O Partido Socialista levará o AVE e a integración ferroviaria ao pleno da semana que vén na corporación ourensá.
O seu voceiro, José Ángel Vázquez Barquero, fixo un relatorio das decisións máis destacadas sobre esta infraestrutura nos últimos anos, desde o acordo en 2008 para que a chegada do AVE á nosa cidade fose mediante unha variante exterior, ao protocolo asinado en 2011 entre o Estado e o Concello de Ourense para cubrir as vías, ou a proposta que fixo a ministra de Fomento en 2013, e que afondaba no xa coñecido. Por iso, para Barquero “non se entende que se siga demorando a execución do proxecto e se anuncien novas comisión de estudo”. Son, ao seu xuízo, “excusas para facer que se fai mentres non se fai”.

Por estes motivos, os socialistas propoñen un acordo na súa moción que insta a crear uha comisión municipal para a integración do AVE que estea formada por grupos políticos e axentes sociais e económicos da cidade. Encargaríase de fixar un calendario de prazos e compromisos por escrito sobre a execución do tramo Taboadela-Seixalbo, da variante exterior e da construción da nova estación intermodal. Tamén de asinar un convenio entre o Concello e o Estado para desenvolver a integración da alta velocidade “garantindo a permeabilidade e a integración urbana”. E finalmente de xestionar coa Xunta de Galicia a remodelación do corredor actual unha vez quede liberado para crear unha liña de transporte entre a cidade e o polígono de San Cibrao