Campamento de verán en Entrimo

A directora xeral de Xuventude e Voluntariado, Cecilia Vázquez, e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, visitaron en Entrimo aos participantes no campamento de Penedos de Xacinto.

 

Os campamentos de verán para mozos e mozas de entre 9 e 17 anos organizados pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado contan en Ourense con 735 prazas, fronte ás 640 ofertadas na pasada campaña. As instalacións nas que se desenvolven son o centro de educación ambiental Equal en Coles; o albergue Vilar de Ordelles en Esgos; a estación de montaña de Manzaneda; a residencia Xuvenil Florentino López Cuevillas, na capital da provincia e o o campamento Penedos de Xacinto en Entrimo.

Esta última instalación foi visitada este domingo pola directora xeral de Xuventude e Voluntariado, Cecilia Vázquez, e o delegado territorial, Rogelio Martínez. Trátase dun campamento de montaña, cunha capacidade de 100 prazas en tendas de campaña. A instalación dispón de pista polideportiva, salón de actividades, rocódromo, anfiteatro, alpendre cuberto e piscina.

Nesta quenda, na instalación están 100 mozos e mozas de entre 12 e 15 anos que participan no campamento ‘Teatro e aventura na natureza’, que conta con actividades de dramatización, expresión corporal, ensaios e propostas teatrais ou técnicas de circo como malabares e habilidades de equilibrio. Para o total do verán, en Penedos de Xacinto foron convocadas 300 prazas, 200 en campamentos organizados directamente pola administración autonómica e 100 por entidades a través da oferta concertada.

No programa da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado inclúense: campamentos xuvenís para menores de 18 anos en Galicia e noutras comunidades autónomas; as actividades para maiores de 18 anos; campos de traballo en España e no estranxeiro; e accións de reencontro con mozos e mozas descendentes de galegos residentes no exterior.

Ademais, a provincia de Ourense conta con campos de traballo para mozos e mozas de 18 a 30 anos en Celanova, Riós, Muíños e Vilar de Barrio e actividades para descendentes da emigración galega na residencia Florentino Cuevillas da capital.