Un pleno en Ourense

No pleno extraordinario do 30 de xullo tamén se dará conta do escrito de Francisco González Bouzán de renuncia á condición de concelleiro.

Os grupos políticos farán efectivo este xoves na sesión plenaria extraordinaria –en substitución da ordinaria de agosto- dos novos límites á presentación de mocións acordados en xunta de voceiros. Así, cada un dos tres grupos da oposición presenta para o debate o máximo de tres mocións permitidas.

En primeiro lugar, Democracia Ourensana busca un acordo para rebaixar a asignación municipal á Banda de Música, outro para aumentar a transparencia da xestión municipal mediante a implantación dun sistema que facilite ao cidadán o acceso a máis niveis de información, e un terceira moción sobre a situación actual do sistema de depuración de augas residuais de Velle.

O PSOE, pola súa parte, quere crear unha comisión municipal de impulso e seguimento do proxecto de integración urbana do AVE. Tamén quere instar á Xunta a que transfira ao Concello de Ourense a xestión do Espazo Xove (antiga Casa da Xuventude). E ademais, interesarase pola execución do proxecto integral de rehabilitación da Praza de Abastos e o seu contorno.

Finalmente, Ourense en Común propón crear o Consello Municipal de Mobilidade para revisar o Plan de Mobilidade Urbana Sustentable. Quere tamén que Ourense se declare concello libre de desafiuzamentos, con medidas como a creación dun parque municipal de vivenda, un censo motivado de vivendas baleiras, un Instituto Municipal de Vivenda ou que se garantan os subministros básicos aos fogares que así o necesiten. Por último, presenta outra moción para garantir a enerxía como servizo público e contra a pobreza enerxética, que recolle unha iniciativa lexislativa popular que está a impulsar o sindicato CIG.

Cada grupo terá un máximo de seis minutos para expoñer a súa moción na súa primeira intervención, e outros tres na segunda.

 

Emendas do PP

Dende o Grupo Municipal do PP foron presentadas varias emendas ás mocións dos demais grupos.

Sobre a creación dunha comisión municipal de impulso e seguimento do proxecto de integración do AVE, proposta polo PSOE, os populares piden concretamente “que se constitúa o máis pronto posible”, e que estea formada por representantes do Estado, a Xunta, a Deputación e o Concello; así como que as nas Xuntas de Área de Infraestruturas se dea conta das reunións da mesma.

No tocante á moción dos socialistas sobre a rehabilitación da praza central de abastos e o seu entorno, dende o PP engaden que se realizará «no futuro máis próximo, tendendo pontes de diálogo coa sociedade ourensana e os distintos axentes implicados”.

E en canto ao Espazo Xove (Casa da Xuventude), cuxa xestión piden dende o PSOE que a Xunta ceda ao Concello, o PP non está conforme e propón, “instar á Xunta de Galicia a que continúe desenvolvendo a súa política de xuventude na cidade a través do Espazo Xove, en coordinación coa nova «Casa da Mocidade» municipal”.

Pola súa banda, en relación á moción de Ourense en Común sobre a constitución dun Consello Municipal da Mobilidade, dende o PP puntualizan e piden a constitución dunha Mesa deTraballo Municipal de Mobilidade.

Sobre a proposta de DO de renovar o contrato da Banda Municipal de Música á baixa, cuns custos laborables acordes ao retorno cultural, os populares apostan por “fomentar un maior compromiso entre a banda e os responsables municipais de Cultura, comprometéndose a unha utilización dos espazos públicos existentes, en beneficio dos veciños de tal forma que a banda se convirta nun referente cultural para a cidade”.

Por último, en canto á idea dos de Gonzalo Jácome de implantar un sistema mediante o cal o cidadán poida acceder a información detallada dos gastos municipais realizados no Concello, dende o PP engaden que “o Concello de Ourense mellorará a súa web e sede electrónica, elaborará unha ordenanza de transparencia consensuada con todos os grupos municipais”.