Esta formación traslada as queixas dos veciños da zona por estacionamentos indebidos durante o verán.

 

Dende o grupo municipal Son do Pereiro de Aguiar veñen de denunciar as queixas dos veciños de Monterrei, Os Gozos, Penedo e Pedraio ante o “caos circulatorio” que cada verán se vive nas inmediacións do complexo deportivo de Monterrei, principalmente nos viais de acceso ás vivendas. Segundo asegura o seu voceiro, Jorge Lamas, os veciños da zona sofren dificultades de acceso ás súas casas, así como dos servizos de distribución e venda (panadería, conxelados, etc.), “e iso sen contar que algún día teñamos algunha urxencia e teña que pasar unha moto bomba ou unha ambulancia”, denuncia a veciñanza.

Dende Son do Pereiro de Aguiar consideran que estes espazos de ocio deben ser promocionados á vez que permiten conciliar a convivencia entre usuarios e veciños.

Aínda que son conscientes de que o complexo é titularidade da Xunta, e iso dificulta a acción municipal, o pertido de Lamas reclámalle ao alcalde de Pereiro que faga cumprir a normativa referida á prohibición de estacionamento no vial saínte da OU-537 -que une esta mesma estrada co Campo dos Gozos e candaseus desvíos a Penedo e Monterrei-; que inste á Delegación Territorial da Xunta – “namentres non contemos cunha rede regular de transporte metropolitano”, aclara o voceiro,- a que potencie o uso da liña de bus Ourense-Monterrei ou medios como a bicicleta, ofrecendo, por exemplo, entrada de balde presentando o ticket do autobús; así como que realice as pertinentes accións informativas indicando mediante paneis os lugares destinados ao estacionamento axeitado de vehículos .