O sindicato alerta dun «recorte brutal» de profesionais e unha «temeraria» diminución das horas de presenza e atención nos centros de saúde de toda a provincia.

CCOO Ourense denuncia o incremento da precariedade na asistencia sanitaria na nosa provincia durante a época estival. Para a portavoz de Sanidade de CCOO, Puri Paradela,  “paradoxalmente, malia que o número de profesionais dos centros de saúde están axustados a rateos de poboación a que se debe atender e considerando a súa dispersión xeográfica, nesta provincia nos meses de verán, que é cando a poboación no rural aumenta, as substitucións dos profesionais (médicos, enfermeiros e persoal administrativo) estanse facendo por media xornada e, onde hai dous profesionais, só se substitúe a un”.

A representante de CCOO critica os recortes e advirte de situacións que provocan desconcerto e inseguridade nos usuarios na provincia: “a cidadanía é descoñecedora da situación e cando precisan recibir asistencia, si se acercan ao seu centro de saúde habitual a partir das últimas horas da mañá, pódense atopar sen profesionais que os atendan, tendo entón que desprazarse varios quilómetros ata o centro de saúde de cabeceira que, a súa vez, tamén está afectado polos recortes de plantilla, agravándose máis a situación cando se produce unha urxencia”.

Alerta así mesmo a portavoz de Sanidade de CCOO que nos centros de saúde da cidade, a situación non é mellor que nas comarcas: “na cidade, a redución de persoal, está provocando cambios nas axendas e axustes nas citas, dándose casos de usuarios que teñen que esperar ata unha semana para poder obter cita co seu medico”.

Dende CCOO indican que “a modernización da sanidade pública, tan publicitada pola xerente do Complexo Hospitalario de Ourense, Verín e O Barco e polo propio presidente da Xunta, debera empezar por garantir un número suficiente de profesionais acorde ás necesidades da poboación. De pouco serve ter Hospitais e Centros de Saúde dotados de alta Tecnoloxía se escasea o principal e mais importante: as persoas que deben atender aos doentes”