O orzamento das obras ascende a 32,2 millóns de euros.

 

O Ministerio de Fomento retomou este 29 de xullo as obras do tramo da autovía A-56 (que une Lugo e Ourense) entre A Barrela e San Martiño. O orzamento de execución das obras é de 32,2 millóns de euros.

A autovía A-56 reducirá significativamente os tempos de percorrido entre as dúas capitais de provincia, así como o resto de traxectos entre as principais localidades nese eixo.  O tramo da A-56 entre as localidades da Barrela (Lugo) e San Martiño (Ourense) ten unha lonxitude de 8,8 quilómetro. O tronco da autovía ten unha sección tipo formada por dúas calzadas de dous carrís cada unha de 3,5 metros con beiravías exteriores e interiores.

Está prevista a construción dunha ligazón nas Lamas, que permitirá conectar a A-56 coa estrada OU-901 cara a Cea e O Carballiño, e coa LU-901 cara á Barrela.  Así mesmo, o tramo inclúe a construción dun viaduto sobre o río Búbal, de 303 metros, que consta de 6 vans.

Os distintos viarios interceptados pola autovía A-56 neste tramo serán repostos mediante 9 pasos superiores e a reposición da estrada LU-901 mediante un paso inferior.  A accesibilidade e permeabilidade territorial quedará garantida mediante a execución de camiños paralelos e a reposición dos camiños transversais á traza da A-56.

As obras inclúen a reposición de servizos afectados, a sinalización horizontal e vertical, o balizamento e defensas, o valo de cerramento e as conexións provisionais coa N-540.