O obxectivo deste ente é a coordinación e execución das competencias do servizo público de prevención, extinción de incendios e salvamento.

O vindeiro venres, 31 de xullo, constitúese o Consorcio Provincial de Ourense para o Servizo Contra Incendios e de Salvamento, para o cal foi convocada a sesión constitutiva do pleno do dito consorcio, que se celebrará na Sala de Xuntas do Pazo Provincial. A orde do día inclúe a constitución do consorcio, as eleccións do presidente e do vicepresidente, o nomeamento de secretario e interventor, entre funcionarios dos entes consorciados, e o informe sobre actuacións a seguir par a posta en funcionamento do consorcio.

O obxectivo deste ente, promovido polo presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, é desenvolver competencias do servizo público de prevención, extinción de incendios e salvamento. Precisamente, o goberno provincial impulsou a coordinación dos consorcios dos parques de bombeiros da provincia para mellorar a súa xestión tanto administrativa como técnica e de intervención, a través da unificación deste entes no Consorcio Provincial contra Incendios.

Xunta de Galicia e Deputación de Ourense consideran que a forma máis eficaz e eficiente de xestionar os distintos parques comarcais é a través dun único consorcio, e consideran esta fórmula como a organización idónea para facilitar a integración tanto dos actuais consorcios comarcais de Valdeorras, Verín, A Limia e O Carballiño-O Ribeiro xa existentes, como daqueloutros que se puidesen integrar, constituír ou equipar. Desta maneira, os catro consorcios comarcais cos que conta a provincia de Ourense serán disoltos para a súa integración no consorcio provincial, e cada un achegará os medios técnicos e os recursos con que conta.