Iniciouse o pasado martes ás 16 horas e arrasou, polo momento, 230 hectáreas. Unha persoa foi detida como presunta autora e posta en liberdade con cargos.

 

A Consellería do Medio Rural e do Mar informou de que se atopa controlado dende as 10:30 horas desta mañá o incendio rexistrado no concello de Ourense, parroquia de Palmés, tras comezar o pasado martes ás 16:03 horas. Segundo novas estimacións provisionais, a superficie afectada é de 230 hectáreas. No seu control levan traballado 1 técnico, 17 axentes forestais, 44 brigadas, 18 motobombas, 2 pas, 12 helicópteros e 11 avións. Tamén colaboraron membros da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

Os corpos de seguridade detivon a última hora do propio martes un home como presunto autor do lume, que foi posto en liberdade o mércores pola tarde, pero ao que se lle imputa un delicto de incendio forestal (penado con ata cinco anos de prisión). A conselleira de Medio Rural, Rosa Quintana, agarda que «todos os procedementos sancionadores e toda a forza da lei caerá sobre aqueles que están causando tanto dano».

Extinguido Pereiro de Aguiar

Extinguido ás 9:32 horas o lume do concello ourensán de Pereiro de Aguiar, parroquia de Sabadelle, que comezou o martes ás 19:50 horas. Segundo últimas estimacións provisionais, a superficie afectada é de 21 hectáreas, das cales 18 son de monte raso e o resto arborado. Na extinción traballaron 7 axentes forestais, 13 brigadas, 11 motobombas, 2 helicópteros e 3 avións.

Extinguido Vilardevós
Extinguido ás 00:11 horas desta madrugada o lume rexistrado no concello de Vilardevós, parroquia de Arzádegos, tras comezar ás 18:07 horas do martes. Segundo últimas estimacións provisionais, a superficie afectada é de 102,45 hectáreas, das cales 87,83 son de superficie rasa e o resto de superficie agrícola. Nos labores de extinción participaron 1 técnico, 6 axentes forestais, 18 brigadas, 9 motobombas, 1 pa, 2 helicópteros e 2 avións.

Extinguido Cualedro
Extinguido ás 00:57 horas desta madrugada o incendio forestal rexistrado con concello de Cualedro, parroquia de Lucenza, tras comezar onte ás 16:39 horas. Segundo últimas estimacións provisionais, a superficie afectada é de 21,6 hectáreas, das cales 0,2 son arboradas e o resto rasas. Nas tarefas de extinción traballaron 3 axentes forestais, 8 brigadas, 6 motobombas, 1 pa, 2 helicópteros e 5 avións.

A Consellería do Medio Rural e do Mar lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal.