O grupo municipal do PSOE presentará unha proposta para aumentar o número de prazas e revisar as normas actuais de admisión e funcionamento do Programa Concilia.

 

As nais e pais dos nenos de Pereiro de Aguiar que non foron admitidos este verán no campamento que organiza o Concello, dentro do Programa Concilia, para favorecer a conciliación da vida persoal, familiar e laboral, manifestaron o seu malestar polo proceso de selección. No mesmo , o único criterio de admisión, ademais de que ambos os cónxuxes traballen e que estean empadroados no municipio , foi a orde de inscrición. Neste senso, os proxenitores denuncian “falta de transparencia no proceso, xa que non existe un rexistro oficial e público onde conste a data e hora de presentación da solicitude”, aseguran. Ademais, apostan porque se teñan en conta aspectos como a renda familiar, a inscrición previa ao Programa durante o curso escolar, que haxa varios irmáns, minusvalías, etc. E mesmo piden que no caso que exista maior demanda que prazas ofertadas, se realice un sorteo público.

Ditas queixas foron postas en coñecemento do partido socialista de Pereiro, o cal presentou unha proposta de modificación das normas actuais de funcionamento e admisión ao Programa Concilia, para o seu debate no próximo pleno, que inclúa a creación dunha Comisión con representación de todos os Grupos Municipais, co fin da súa redacción dunha forma consensuada entre todos os seus membros, así como, estudar o aumento o número de prazas ofertadas, ao consideralo “un servizo social municipal básico”, que permite facer efectivo o principio de igualdade entre mulleres e homes, a través do fomento da conciliación da vida persoal, familiar e laboral, ademais de ser unha prestación esencial para o colexio rural Ben-Cho-Shey, xa que favoreceu nos últimos anos un incremento exponencial de matriculados nas súas aulas.

O campamento de verán do programa Concilia desenvólvese gratuitamente neste colexio público en horario de mañá, desde finais de xuño até mediados de setembro, e conta con 4 monitores municipais de tempo libre e 45 nenos participantes, con idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos. Os rapaces realizan neste campamento xogos de auga, manualidades, teatro, animación á lectura e pintura.