Os traballos por parte da empresa concesionaria, Ecourense, inclúen limpeza de beirarrúas, viais, eliminación de manchas, pintadas ou baldeo de rúas.

O Concello de Ourense pon en marcha un Plan de limpeza intensiva dos barrios da cidade. O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, e o concelleiro de Limpeza, José Araújo, asistiron este martes ao inicio destes traballos, na rúa Chano Piñeiro, que executa a empresa concesionaria do servizo de limpeza Ecourense.

O obxectivo é recuperar o nivel de limpeza óptimo de limpeza nos diferentes barrios da cidade, actuando especialmente naquelas zonas nas que por distintas circunstancias é preciso intensificar os traballos, mais ainda tendo en conta factores como a escaseza de chuvias, que obrigan a aumentar os servizos de baldeo e limpeza de manchas.

Sete semanas de traballo

O Plan prevé unha limpeza intensiva de todos os barrios de Ourense que se desenvolverá durante sete semanas, ata mediados de setembro. Contando cun conxunto de equipos que de forma coordinada, realicen os seguintes labores: limpeza de beirarrúas, zonas peonís, bordos, calzadas, alcorques, con medios manuais e mecánicos; limpeza de viais de parques, zonas verdes e de áreas de xogos infantís; limpeza de sumidoiros e enreixados; limpeza de campos da festa; baldeo de beirarrúas e calzadas, limpeza de pintadas e de contedores.

A coindicencia nunha mesma zona de todos os equipos permitirán intensificar o grao de actuación e obter un resultado máis óptimo e perceptible.

Os equipos programaranse para actuar nos sectores establecidos durante sete semanas, en xornadas de martes a venres, en turnos de mañá, tarde e noite. Comenzaron en rúa Chano Piñeiro e contorno, e continuarán este mércores, na zona Subdelegación de Goberno-Policía Nacional.

En días sucesivos as zonas a limpar serán da praza Maior ao Posío (xoves 6 e venres 7), do parque de San Lázaro ao Concello (martes 11 e mércores 12), o Posió, Mariñamansa e Seixalbo (xoves 13 e venres 14). Os traballos continuarán na avenida de Buenos Aires (días 18 e 19), Otero Pedrayo (días 20 e 21), As Lagoas (días 25 e 26) e a avenida de Santiago (días 27 e 28).

En setembro, realizaranse no barrio da Ponte (días 1 e 2), no Couto alto (3 e 4 de setembro), no Couto baixo (martes 8 e mércores 9), Barrocás (10 e 11 de setembro), estrada da Granxa (martes 15 e mércores 16) e finalmente Cabeza de Vaca e Vistafermosa (días 17 e 18).