Analizará os posibles itinerarios e paradas das liñas interurbanas, máis alá das estacións de autobuses, así como a súa incidencia no tráfico urbano.

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas publicou no Diario Oficial de Galicia a redacción do plan de accesibilidade do transporte interurbano aos centros da cidade de Ourense. Trátase dunha iniciativa incluída no marco do Plan de Transporte Metropolitano de Galicia, que analizará os posibles itinerarios e paradas das liñas interurbanas, máis alá das estacións de autobuses, así como a súa incidencia no tráfico urbano.

O plan de accesibilidade terá que ter en conta o incremento do servizo de transporte colectivo, coa mellora da súa accesibilidade e da conectividade entre ambas redes, urbana e metropolitana. Uns parámetros que se terán en conta na área de transporte metropolitano de Ourense, onde a necesidade de definición dun modelo de conectividade das redes de transporte urbana e metropolitana dificultaron a posta en marcha do Plan de Transporte Metropolitano.

Traballo a realizar
A empresa adxudicataria deste contrato deberá elaborar un plan de accesibilidade do transporte interurbano ao centro urbano, no que se concretarán novas rutas e se fixarán novos puntos de parada e interconexión das redes urbana e interurbana de transporte público.

En base a este traballo, estudarase a oferta e a demanda (actual e potencial) de servizos de transporte público en autobús urbano, interurbano e metropolitano. Tamén se analizará a oferta actual de servizos de transporte público en autobús urbano, e interurbano, con especial énfase nos servizos metropolitanos. Esta análise incluirá os recorridos das liñas, a localización das paradas, os horarios e frecuencias dos servizos, os tempos, e toda aquela información que fose necesaria para a completa definición dos servizos actualmente ofertados.

Por outro lado, realizarase un estudo detallado da mobilidade das persoas usuarias dos servizos interurbanos e, especialmente, dos servizos metropolitanos, incluíndo orixes e destinos, destinos prioritarios, transbordos realizados, preferencias, para o cal se levarán a cabo traballos de campo, como enquisas, aforos, etc.

Por último, elaborarase unha proposta de reordenación e/ou reestruturación do servizos interurbanos e metropolitanos, contemplando unha ou varias alternativas, priorizadas entre si, e definindo os novos itinerarios de penetración e paradas das liñas interurbanas e metropolitanas na cidade e a súa interconexión coas liñas urbanas.

Ademais, para cada proposta de reordenación dos servizos analizarase a súa incidencia sobre o tráfico rodado da cidade e estudarase a capacidade xeométrica do viario que se contemple para o acceso dos autobuses ao centro urbano da mesma.