Formará 20 desempregados en atención a domicilio e dinamización de actividades de tempo libre.

O Concello de Barbadás é a entidade promotora do Obradoiro de Emprego “Barbadás coida de ti” que se desenvolverá neste  concello durante os próximos seis meses, actividade subvencionada pola Consellaría de Traballo e Benestar.

O Obradoiro de Emprego “Barbadás coida de ti” consta de dúas especialidades formativas, atención sociosanitaria no domicilio e dinamización de actividades de tempo libre, coa participación de 10 persoas desempregadas en cada curso.

O Concello de Barbadásfoi seleccionado para a impartición deste obradoiro de emprego como entidade promotora individual dadas as especiais circunstancias da poboación do concello, pola valoración do proxecto e polas características dos módulos impartidos, relacionados os dous con actividades de servizos sociais e a prestación de servizos moi demandados polos cidadáns.

Durante a impartición do obradoir ocompaxinarase a formación teórica requerida cunha fase de prácticas, que o alumnado poderá realizar nas propias instalacións do concello e nos servizos sociais e de xuventude municipais.

O obradoiro de emprego conta cun equipo de apoio de cinco persoas, formado por unha directora, administrativo e tres docentes.

Desde a área de Promoción Económica, o tenente de alcalde, Xosé Manoel Fírvida, quere destacar que a formación que se vai impartir no obradoiro redundará nunha maior formación e capacitación para os participantes, o que sen dúbida axudará á súa integración no mercado laboral.

Para Fírvida, o Concello, como entidade promotora, ten que facilitar a empregabilidade futura do alumnado tanto por conta allea como por iniciativas de autoemprego e quere incidir na orixinalidade dos módulos a impartir, baseados na prestación de servizos moi demandados polos cidadáns do concello e con amplas posibilidades de colocación laboral.