Jesús Vázquez

Jesús Vázquez amosou o seu «descontento» porque os Orzamentos do Estado só reservan cen mil euros para rehabilitar o Museo Arqueolóxico.

 

Tras coñecerse o proxecto de Orzamento Xerais do Estado para 2016 non tardaron en chegar as primeiras valoracións no que respecta a como afectan á nosa provincia. E como era de agardar, a opinión que teñen desde goberno (PP) e oposición (PSOE) é, unha vez máis, radicalmente oposta.

O que non deixa de ser novidoso é a valoración do alcalde de Ourense, o popular Jesús Vázquez, a quen os orzamentos lle deixan unha sensación “agridoce”. Malia que Vázquez agradece os compromisos con Ourense materializados por parte dos ministerios de Fomento e de Agricultura, non dubidou en amosar o seu “descontento” e “desilusión” coa achega prevista para o Museo Arqueolóxico por parte do Ministerio de Cultura. Só cen mil euros para unha rehabilitación orzamentada en máis de 9,2 millóns de euros, que non son suficientes para licitar a reforma en 2016.

O rexedor xa se ten posto en contacto cos voceiros da oposición para recabar o seu apoio a un maior financiamento para o Arqueolóxico, que leva pechado desde 2002. Tamén remitiu unha carta ao presidente do Goberno no mesmo sentido e mantivo conversas cos deputados ourensáns do PP. “Dame igual quen presente a emenda, pero me gustaría que se aprobe”, afirmou Vázquez, recordando o compromiso do Ministerio de Cultura –cando el era aínda conselleiro de Cultura- de iniciar as obras o ano que vén. “Así se lle vai reclamar por riba de siglas políticas”, recalcou.

Jesús Vázquez si tivo palabras positivas para os investimentos na EDAR, no abastecemento con “partidas significativas” e máis para a ministra de Fomento, Ana Pastor, “que cumpriu a súa palabra”, pois o proxecto de orzamentos contempla partidas para a adecuación da N-120 para o acceso ao cámping de Untes, para o paso baixo a vía do ferrocarril en Ramón Puga, para a ponte de Tarascón e para a primeira fase da circunvalación norte entre Eirasvedras e Quintela.