Marga Pérez reuniuse coa xefa territorial, Mercedes Gallego, e trataron a implantación de comedor público no Ruxidoiro e axudas en desprazamentos para os estudantes de instituto, entre outros temas.

A Concellería de Educación de Barbadás promoverá unha serie de melloras nos centros educativos para adaptar as instalacións ás demandas e necesidades da comunidade educativa.

Unha das melloras que se acometerá nas vindeiras semanas será a ampliación da biblioteca do colexio Filomena Dato da Valenzá debido a que é preciso aumentar o espazo dispoñible tanto para o depósito de libros como para ter maior amplitude para organizar actividades co alumnado. Para proceder á ampliación de espazos unirase unha aula a esta estancia e os traballos realizaranse nas vindeiras semanas pola brigada de obras.

A edil socialista, Marga Pérez, mantivo unha reunión coa xefa territorial de Educación, Mercedes Gallego, para obter información sobre diferentes temas de interese para a veciñanza de Barbadás relacionados coa área de Educación. Entre as cuestións abordadas atópanse unha serie de actuacións de mellora no colexio Filomena Dato: como o pintado de aulas (que se fará de cara ó comezo do curso escolar), cuberta do patio a carón da aula de psicomotricidade e pavimentación do parque infantil.

A concelleira de Educación plantexoulle tamén á delegada territorial actuacións necesarias para mellorar a prestación de servizos no colexio Ruxidoiro, como a posibilidade de implantar neste centro o servizo de comedor de carácter público. Pero a delegada anticipu que por agora non está prevista posta en funcionamento deste servizo pola Xunta. Pérez anunciou, non obstante, que plantexará á comunidade educativa a realización dun estudo económico para estudar a viabilidade real que existe de poñelo en marcha.

Na xuntanza tamén trataron a busca dunha solución conxunta para os estudantes de bacharelato de Barbadás que se desprazan ó instituto Ferro Couselo e que non dispoñen de transporte porque Educación non subvenciona este tipo de desprazamentos por non ser ensino obrigatorio. Neste senso, a edil anunciou que o goberno local tratará de buscar unha solución ó asunto estudando a posibilidade de ofertar becas para desprazamento para cuxa concesión se terán en conta criterios baseados na renda familiar.

Marga Pérez pediu tamén un compromiso do Departamento de Educación da Xunta para facer avanzar o proxecto instituto de Barbadás tendo en conta o elevado número de poboación en idade escolar.