Esta análise deberá constar de catro puntos: levantamento topográfico, análise de impacto, estudo funcional e avaliación de liñas, viario e tráfico.

 

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas inicia os traballos para a elaboración dos estudos previos da terminal de autobuses integrada na estación intermodal de Ourense. Esta infraestrutura desenvolverase dentro do termo municipal ca capital, nas inmediacións da actual estación de ferrocarril, situada na Avenida de Marín. A Dirección Xeral de Mobilidade vén de rubricar o contrato de servizo polo que se levarán a cabo estes traballos, que foron adxudicados á empresa SGS Tecnos SA, por un importe de 38.000 euros e un prazo de execución de 4 meses.

Este estudo, que estará rematado neste mesmo ano, deberán analizar catro variables, como as necesidades e análise de impacto, o estudo funcional da nova terminal de autobuses, a avaliación de liñas, viario e tráfico e o levantamento topográfico.

Estudo
Este estudo fixará a capacidade mínima da nova terminal no que respecta a número de dársenas, servizos a prestar e dimensionamento de plataformas; realizarase unha análise dos impactos que a actuación prevista terá sobre a contorna e en especial, sobre a poboación da área metropolitana de Ourense; e avaliaranse os espazos anexos ao actual edificio de viaxeiros da estación de ferrocarril, ocupados por aparcadoiros e edificios varios, coa fin de determinar a mellor localización para a nova terminal de autobuses coas mínimas afeccións posibles.

En primeiro lugar, realizarase un estudo de reordenación das liñas de autobuses do servizo público regular de uso xeral de transporte de viaxeiros competencia da Xunta, motivada pola apertura da nova terminal de autobuses.

En segundo lugar, cada posible ordenación de liñas estudada realizarase en función das dimensións e radios de xiro dos autobuses e demais vehículos que vaian ter que acceder á nova terminal. E en terceiro lugar, levarase a cabo un estudo da incidencia sobre o tráfico.