A sesión extraordinaria terá lugar, previsiblemente, o 12 de agosto.

O Goberno municipal de Ourense presentará a aprobación por parte do pleno a próxima semana un expediente de modificación dos orzamentos por importe de 6,4 millóns de euros, que permita facer fronte ao pago das débedas pendentes de exercicios anteriores, e dotar crédito para partidas que o precisan para afrontar gastos e investimentos que é necesario executar antes de final do presente ano.

Nas conversas mantidas durante as últimas semanas, o grupo popular convidou a todos os demais partidos con representación no Concello a que achegaran as súas propostas. Unha vez avaliadas estas, coa vontade de que a modificación reciba a aprobación por parte do Pleno, o expediente recolle as demandas presentadas polo PSdeG-PSOE e Democracia Ourensana. A modificación incluirá partidas destinadas ao pago de débedas, convenios con diferentes entidades, obras cofinanciadas polo Concello e outras administracións, o pago do canon da auga ou execución de infraestruturas como a estación depuradora de augas residuais.

O goberno municipal presentará o expediente a aprobación por parte da Xunta de Goberno local, nunha sesión que se celebrará o vindeiro luns 10 de agosto, e a posterior presentación ante o Pleno do Concello, previsiblemente o mércores 12.