PSOE, Democracia Ourensana e Son de Pereiro votaron a favor da creación de axudas ás familias con menos recursos do municipio, para a compra de libros de texto e material escolar.

 

O PSOE de Pereiro de Aguiar presentou no pleno ordinario celebrado este 6 de agosto unha moción destinada á creación dunha bolsa de axuda de 20.000 euros, para aquelas familias do municipio máis necesitadas e con escasos recursos económicos, destinada á compra de libros de texto e outro material escolar,as cales se regularían mediante as correspondentes Bases que serían redactadas, por unha Comisión con representantes de todas as forzas políticas con representación no consistorio.

César Grande, voceiro socialista no concello, lembrou que moitas familias de Pereiro atópanse nunha situación especialmente difícil, debido tanto ao desemprego existente, á precariedade dos contratos de traballo, aos recortes sociais, e ao incremento de impostos (IBI, auga, lixos…) nos últimos anos, a cal é especialmente grave para aquelas con fillos ao seu cargo, cuxa situación ademais se agravou este ano, ao suprimir a Consellería de Educación da Xunta de Galicia as axudas existente para a adquisición de libros de texto, para os alumnos de infantil, 3º e 5º de Primaria, e 2º e 4ª de ensino secundario.

Lembra que «o gasto medio dunha familia por un fillo é de 1.800 euros anuais”, xa sexa pola compra de material escolar, por excursións, actividades extraescolares e cotas escolares, e que outros concellos próximos como Ourense, Nogueira de Ramuín ou Maceda, gobernados tamén polo PP, convocan anualmente axudas similares, co fin de apoiar ás familias con menos renda.

Así mesmo, destaca que a proposta presentada polo seu grupo non suporía ningún incremento do gasto no orzamento municipal, xa que dita contía destinada ás axudas procedería de diminuír as dietas e outros pluses actuais do grupo de goberno, así como as remuneracións do resto de membros da corporación na oposición (PSOE, Democracia Ourensana e Son de Pereiro), que actualmente superan os 100.000 euros.