A vía é titularidade da Deputación, que “abandonou” as obras de mellora tralas eleccións municipais, segundo os socialistas.

 

O deputado do Grupo Provincial Socialista na Deputación de Ourense, Francisco José Fraga Civeira rexistrou varias preguntas no pasado 5 de Agosto dirixidas ao presidente do ente provincial, Manuel Baltar, facéndose eco das numerosas queixas que lle trasladaron dende a Agrupación Socialista de Boborás e os veciños da zona polo mal estado no que se atopa a estrada OU-0415, de titularidade provincial, vital para a comunicación entre as provincias de Ourense e Pontevedra, que une as localidades de Brués (Boborás) e Portela da Cruz (A Lama).

A perigosidade da vía unida ao deplorable estado que presenta, levaron a que se anunciaran unhas obras que, supostamente, ían rematar no 2011. De feito, segundo anunciaron os concellos de Beariz e Boborás (por onde discorre a estrada) en 2008, foran incorporados aos Planos Provinciais sendos proxectos por un valor global de 255.000 euros para o acondicionamento de varios quilómetros da vía. Posteriormente, no 2012, despois de 22 anos de obras, anunciouse que estarían rematadas no ano a seguir co obxecto de evitar o paso polo Alto do Paraño, especialmente perigoso no inverno. Non obstante, “nada do anunciado aconteceu”, lembran dende o PSOE.

Pola contra, no presente ano, nas semanas previas ás eleccións municipais, voltaron a reanudarse as obras para a colocación de quitamedos, pero unha semana máis tarde, xa pasada a cita electoral, éstas foron novamente abandoadas. “A situación é tal que, nalgún tramo, apenas poden coincidir dous coches en paralelo en dirección oposta, tal é o estreito da vía. Noutro tramo, referido polos veciños, a vía quedou a medio asfaltar, sen que remataran de igualar todo o firme, coa perigosidade que iso supón para os usuarios”, explican os socialistas.

Como consecuencia, Fraga esíxelle a Baltar unha explicación da paralización das obras e unha data de reanudación das mesmas. Así mesmo, pídelle que detalle as medidas de seguridade que vai tomar a Deputación para asegurar a vialidade da estrada. Dende o PSOE reclámanlle ao ente provincial que “asuma a súa responsabilidade neste caso e axilice o remate das obras”.