Pídenlle ao PP que se preocupe por esta instalación, así como por outros espazos como Santomé ou o Castro de Oira.

A aposta firme pola investigación, conservación e recuperación do patrimonio local (arqueolóxico, histórico, artístico…) é un eixo central do programa participativo de Ourense en Común. Por iso, falou co actual equipo de goberno para manifestar a vontade de traballar polo obxectivo común de acabar cunha “situación de bloqueo que negou o acceso a esta infraestrutura durante máis dunha década”, denuncian, referíndose ao Museo Arqueolóxico Provincial que ten asignados só 100.000 euros nos investimentos do  Estado para 2016.

Dende Ourense en Común queren lembrar ao PP que ese recente interese mostrado polo patrimonio, como “eixo fundamental do futuro de Ourense” en palabras do rexedor ourensán, “pode plasmarse tamén reorientando a política municipal cara outros espazos, como mellorar a xestión do Conxunto Arqueolóxico de Santomé, poñer en valor o Castro de Oira, implementar un programa de I+D+I sobre turismo e patrimonio en Ourense, campañas de sensibilización patrimonial, etc”, recalcan.