Polo Verán Cultural desfilarán bandas como Menage a Trois, Caxade ou Talabarte.

A Concellería de Cultura organizará concertos ao aire libre na praza de San Martiño para animar as noites dos xoves de verán. O programa traerá ata a céntrica praza a músicos de todas as tendencias, desde o folk até o rock pasando polo funk e a mestura de estilos.

Logo de Pacheco & Tonichi, que inauguraron o Verán Cultural a pasada semana, este xoves 13 de agosto tócalle o turno aos ourensáns Menage a Trois, unha formación composta por guitarra, violín e percusións que conta con grande tirón entre o público da cidade. As vindeiras datas serán para A Banda da Balbina (xoves 20), un conxunto que se deu a coñecer coa ‘Estomballada’ da Radio Galega e leva sendo un referente da festa alá por onde tocan. Despois virá o trío Talabarte (xoves 27), formado por músicos da talla de Quim Farinha, Pedro Pascual e Kin García.

O primeiro xoves de setembro, día 3, teremos a oportunidade de gozar coa proposta de folk-pop «elegante» de Caxade, o novo proxecto do acordeonista Alonso Caxade e a súa banda e que non para de recoller premios pola súa fresca e innovadora aposta musical. Pecharán o ciclo Verán Cultural os H2Folk (xoves 10), grupo que bebe das fontes musicais irlandesa e galega e que fusiona ambas tradicións para ofrecer un espectáculo moi visual e animado.

Os concertos son ás 22:30 horas na praza de San Martiño, con entrada libre e gratuíta.