Visita do campamento urbano á Deputación

No «Día do Parlamento» os menores que participan no campamento urbano de Amencer coñeceron o funcionamento das institucións.

 

Os participantes no campamento urbano Amencer visitaron este luns o Concello de Ourense, a Deputación Provincial e a Delegación da Xunta, no denominado «Día do Parlamento».

No consistorio ourensán foron recibidos polo alcalde, Jesús Vázquez, quen lles explicou no salón de plenos o funcionamento da Administración local.

Na Delegación da Xunta (Casa de Chocolate), foi o delegado, Rogelio Martínez, quen se encargou de explicarlles aos cativos que é e que fai a Xunta. Martínez estivo acompañado pola parlamentaria popular Cristina Romero, quen lles relatou en que consisten as funcións da Cámara autonómica, a súa composición e os seus órganos. A visita complementouse cunha proxección audiovisual que fai un percorrido pola realidade da principal institución política de Galicia.

Na sala de plenos do Pazo Provincial, foron o vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández, o asesor de Cultura, César Fernández, e o asesor de Deportes, Bernardino González, os que recibiron os participantes no campamento urbano de Amencer. Rosendo Fernández deulles a benvida aos asistentes e explicoulles algunhas cuestións relativas o desenvolvemento do goberno provincial tales como a maneira de constitución e as cuestións que no salón de plenos se tratan. 

Durante a recepción, o representante do campamento urbano de Amencer fíxolle entrega ao vicepresidente da Deputación de Ourense dun diploma e dunha camiseta do campamento. Pola súa banda, a institución provincial tamén lle facía entrega a cada un dos nenos e nenas alí presentes do libro “A grande aventura do libro contada por el mesmo” como recordo desta visita á Deputación de Ourense.

Actividade ata o xoves

O Campamento Urbano, organizado pola Asociación Xuvenil Amencer, é unha iniciativa aberta e de balde que permite aos pais conciliar a súa vida familiar e laboral mentres os seus fillos gozan dun amplo abano de actividades lúdicas e formativas. Este ano celébrase a 28ª edición baixo o lema «Contigo na cidade”, co obxectivo de que os 800 participantes coñezan as posibilidades que ofrece a capital ourensá. Esta iniciativa prolongarase ata o xoves que vén, día 13.