Jesús Vázquez na protectora Progape

O alcalde, Jesús Vázquez, e a concelleira de Sanidade, Sofía Godoy, visitaron as instalacións da protectora, en Eiroás.

O Concello de Ourense reforzará con campañas de sensibilización e concienciación a situación da Protectora de Gatos e Cans de Ourense (Progape), incidindo especialmente na necesidade de adoptar animais e fomentar o apadriñamento. Así o anunciaron o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, e a concelleira de Sanidade, Sofía Godoy, nunha visita que realizaron ás instalacións de Progape co fin de coñecer as súas necesidades e establecer proxectos de colaboración.

Esta protectora de animais conta actualmente con 450 cans e 90 gatos, distribuidos en tres patios de femias, catro de machos, e unha zona de xeriatría. Ademais, dispón de 11 xaulas para cans recén chegados e tres zonas de hospitalización.

Nestas datas increméntase o número de abandonos de mascotas, detéctanse cada vez máis casos de abandonos de camadas de lactantes, que están sendo atendidas en varias casas de acollida que colaboran desinteresadamente para coidar e alimentar aos cachorros. Sen a súa axuda, se colapsarían as instalacións da protectora. O alcalde recalcou que “estamos ante un problema social que debemos erradicar dende a infancia: unha mascota non é un xoguete, é unha responsabilidade que hai que inculcar”. Neste senso, a concelleira de Sanidade incide en que a compra dunha mascota debe ser un acto serio e que implique un alto grado de compromiso. De aí que a adopción sexa un acto dobremente positivo, recalca Sofía Godoy.

No tocante ás adopcións, a concelleira Sofía Godoy lembra que prodúcense moitas, “e o que é máis importante: cunha porcentaxe de retorno moi baixa. O noso obxectivo é frear na medida do posible os abandonos e fomentar a esterilización dos adultos para evitar o abandono de camadas enteiras, como se está producindo na actualidade”. Dende o punto de vista sanitario, Sofía Godoy incide na necesidade dun maior control por parte dos propietarios de mascotas nos parques e zonas verdes da cidade.

Tanto o alcalde como a concelleira agradeceron o labor que están realizando en Progape, non só co coidado dos animais, senón tamén coas campañas de concienciación para as adopcións ou acollidas temporais, así como as referidas aos apadriñamentos, fomentando as axudas voluntarias para acompañar aos animais ou cesión de alimentos. Estas campañas veranse reforzadas dende o Concello, con fin de reforzar o benestar animal nesta instalación.