Convenio sobre a ponte Romana

Na primeira fase destinarán medio millón de euros a obras de renovación da iluminación, mellora da calzada, restauración dun piar e retirada dunha tubaxe da auga.

 

Un dos emblemas patrimoniais e monumentais da cidade, a ponte Romana, será obxecto de traballos de conservación e mantemento por parte da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Este luns tiña lugar no salón de plenos do Concello de Ourense do acordo entre ambas consellerías e o propio Concello, da man dos seus titulares: Ethel Vázquez, Román Rodríguez e o propio alcalde, Jesús Vázquez.

A primeira fase destes traballos (530.000 euros) será licitada antes de que finalice este ano, e centrarase en renovación da iluminación  e da calzada, que realizará a Axencia Galega de Infraestruturas, e na retirada de canalizacións de auga e rehabilitación do cuarto piar da ponte, obras das que se encargará Cultura.

Tal e como explicou a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, os informes técnicos sinalan que o estado estrutural da Ponte Romana é bo, “pero son precisos traballos para que a súa conservación e mantemento sexan óptimos”, lembrando que a estes traballos se lle engaden os xa efectuados no mes de maio, consistentes na limpeza manual de vexetación do monumento.

A segunda fase, ata completar o millón de euros consignados neste acordo, centrarase na contorna, incluíndo a zona da capela dos Remedios ou a retirada de sinais baixo a infraestruturan que afean a ponte Vella.

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, recalcou que con este acordo “ratificamos o compromiso do goberno autonómico con esta cidade e cun dos seus emblemas máis significativos, unha infraestrutura viva que consta coa máxima consideración de protección patrimonial do Estado: Ben de Interés Cultural (BIC)”.

O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, destacou que “hoxe sentamos as bases da posta en valor dun dos grandes emblemas da nosa cidade”. O Concello participará da actuación a través da comisión de seguimento do convenio, facilitando a execución das obras no ámbito das competencias municipais.