En Xunta de Goberno local extraordinaria acordou sacar a concurso a súa subministración, cun investimento de 84.000 euros.

A Xunta de Goberno Local do Concello de Ourense, en xuntanza extraordinaria e urxente, aprobou o expediente para contratar, por procedemento aberto, o servizo de instalación, posta en funcionamento, mantemento, e posterior retirada do alumeado de Nadal 2015-2016.

O investimento de 84.700 euros permitirá dotar á cidade dos tradicionais arcos e demais elementos decorativos de iluminación artística que contribúan a reforzar o ambiente festivo nas rúas e prazas da cidade, e estimular a actividade do comercio local nestas datas tan significativas.

O servizo inclúe a instalación da iluminación, a súa posta en funcionamento, o mantemento e tamén a posterior retirada do alumeado, que se ubicará nas entradas á cidade, nas glorietas, no centro da cidade, o Casco Vello, e os diferentes barrios da cidade.

Teleasistencia domiciliaria

Na mesma sesión, a Xunta de Goberno aprobou prorrogar ata final de ano o contrato do servizo de teleasistencia domiciliaria, que vencía pasado mañá, 15 de setembro, e que presta a Concellería de Asuntos Sociais a través da empresa Eulen Servicios Sociosanitarios.

A prórroga do contrato permite dar continuidade a este servizo que proporciona atención ininterrumpida a case trescentas persoas maiores de 65 anos residentes na cidade, durante as 24 horas do día, os 365 días do ano.

O sistema consta dunha unidade de alarma que leva a persoa, un terminal telefónico e unha central informatizada, receptora de chamadas situada no Centro de Atención. Permite os usuarios/as ante calqueira situación de emerxencia e con tan só premer un botón, comunicarse coa central, atendida por persoal especializado, para dar resposta a situación comunicada.

Videovixilancia no polígono de Seixalbo

A Xunta Local aprobou o expediente para contratar a execución das obras do proxecto de instalación eléctrica de baixa tensión para videovixilancia no polígono empresarial de Seixalbo. Neste caso, as obras suporán un investimento de 105.018,50 euros, que se afrontan co apoio da Consellería de Economía e Industria, que achega o 80% do custe.

O polígono de Seixalbo non conta na actualidade con ningún sistema de videovixilancia, polo que o obxectivo do proxecto técnico é dotar cun sistema autónomo de vídeo vixilancia ou circuíto pechado de televisión (CCTV) ao polígono mediante infraestrutura de rede sen fíos WIMAX con 8 cámaras IP de gravación de imaxes en puntos estratéxicos, interconectadas entre si e co posto central para o almacenamento e control das imaxes.

Con esta actuación, o Concello quere consolidar o polígono empresarial de Seixalbo, as melloras dos servizos, así como a protección e transformación do polígono nun recinto blindado ante os roubos. A instalación de cámaras mediante sistema CCTV, ademais de proporcionar un efecto disuasorio, poderán axudar, no caso de producirse algún roubo, á investigación que se poida producir por parte dos corpos e forzas de seguridade.

O Concello ultima tamén o expediente para contratar un segundo proxecto de melloras o polígono empresarial de Seixalbo, cofinanciado tamén pola Consellería de Economía e Industria. Suporá un investimento de 150.000 euros destinado ao acondicionamento de infraestruturas viarias da zona empresarial. Este expediente de contratación será presentado proximamente a aprobación tamén por parte da Xunta de Goberno Local.