Os responsables municipais do Eixo, 25 alcaldes e concelleiros de Galicia e Portugal, terán a oportunidade de exporlle, de primeira man, todas as cuestións de axenda local.

 

O Concello de Ourense recibe este martes desde as 10:00 horas aos representantes das 25 cidades do Eixo Atlántico, encabezados polo seu secretario xeral, Xoán Vázquez Mao, para celebrar unha reunión coa responsable do desenvolvemento urbano da Comisión Europea, a húngara Judit Torokne. O encontro enmarcarase dentro do deseño das políticas urbanas en Europa por parte do novo equipo de traballo comunitario, e serve como primeira reunión de perfil político entre os alcaldes do Eixo Atlántico e a Comisión para tratar asuntos de política urbana e a súa aplicación en Galicia e no Norte de Portugal.

A experta europea, que previamente se reunirá co alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, para manter un primeiro contacto persoal e intercambiar puntos de vista sobre o tema, exporá as liñas mestras que a nova Comisión está a deseñar en materia de políticas e axenda urbana. Os responsables das cidades do Eixo, pola súa banda, terán oportunidade de lle achegar as súas propias opinións e de expor todas aquelas cuestións que, ao seu entender, deben ser melloradas.