Manuel Baltar presenta orzamentos

Ascenden a 77,7 millóns de euros e aprobaranse o próximo 25 de setembro.

 

A Deputación Provincial de Ourense terá un orzamento para o vindeiro ano de 77,7 millóns de euros, un 2,65% máis que este ano. O presidente provincial, Manuel Baltar, salientou durante a súa presentación que por primeira vez as contas se aprobarán en setembro (no pleno do día 25) e que nelas “confírmase a tendencia de recuperación da facenda provincial”.

No seu detalle, os orzamentos destinan un 37,50% % do total a gastos de persoal (29,1 millóns), un capítulo que medra lixeiramente debido ao incremento do gasto político (un millón de euros para dedicacións dos grupos políticos e contratacións de persoal de confianza) e a que en xaneiro os funcionarios provinciais percibirán o 75% da paga extra. A Deputación paga unhas 725 nóminas ao mes, e na RPT (Relación de Postos de Traballo) está previsto facer “pequenas modificacións”, que inclúen a incorporación dun director xeral de Recursos Humanos en xaneiro e a creación das dirección de área de Cultura e Deportes e de Transparencia e Goberno Aberto. Ademais, o Servizo de Cooperación intégrase no Servizo de Vías e Obras o ano próximo amortizaranse 10 prazas e xubilaranse 11 traballadores. Tamén afectará a este capítulo un Plan de emprego de turismo cultural que quere levar a cabo a Deputación en colaboración coa Escola de Organización Industrial, aínda sen dotación económica concretada.

Os gastos correntes levan 18,6 millóns do orzamento, mentres que para investimentos produtivos hai reservados 15,6 millóns de euros. A débeda da Deputación sitúase no 32%, mantendo unha progresiva redución dende 2012, ano no que estaba no 116%.

Ao distribuir o gasto por áreas, a de infraestruturas é a que máis asume: 25 millóns de euros; a área de auga e medio ambiente leva 15,1 millóns e a de benestar, 7,2 millóns.

Prioridades e proxectos
Serán prioridades para o ente provincial en 2016 os servizos sociais, o medio ambiente, a cooperación cos concellos e a aplicación do Plan Ou 15-19. Entre os proxectos que levará a cabo a Deputación o ano que vén , destacan o Plan Provincial de Obras, que destinará 55.500 euros a cada un dos 92 dos municipios da provincia (tamén o da capital por primeira vez); un Plan de empregabilidade, que reserva 910.000 euros (10.000 euros para cada concello, agás o de Ourense); un Plan para a mocidade con 540.000 euros; un Plan de promoción da natalidade, orzamentado en 800.000 euros (que poden ampliarse segundo as necesidades tirando do remanente de tesouraría), un proxecto de eficiencia enerxética e enerxías renovables, con 225.000 euros, e o Plan Termal, que ten consignados 1.250.000 euros.