O grupo municipalista presentou por rexistro unha instancia para a súa convocatoria con carácter de urxencia ante a celebración da Semana Europea da Mobilidade.

 

Ourense en Común presentou no pleno do mes de agosto unha moción que foi aprobada pola actual corporación para constituír unha Mesa de Traballo Municipal de Mobilidade. Perante a inactividade do equipo de goberno a este respecto nese mes a organización municipalista tornaba novamente a solicitar a súa convocatoria urxente no pleno do mes de setembro. Unha urxencia derivada da inminente celebración da Semana da Mobilidade Europea.

Dende este mércores 16 e ata o próximo martes 22 celébrase en toda Europa a Semana da Mobilidade. Unha campaña de concienciación dirixida a sensibilizar, tanto aos responsables políticos como á cidadanía en xeral, sobre as consecuencias negativas que ten o uso irracional do coche nas cidades, tanto para a saúde pública como para o medio ambiente, e os beneficios do uso de modos de transporte máis sustentables como o transporte público, a bicicleta ou o desprazamento a pé.

A pouco de iniciarse esta Semana da Mobilidade Europea, nin o Grupo Municipal de Ourense en Común nin o resto de grupos e colectivos sociais relacionados con esta materia foron convocados á constitución da citada Mesa de Traballo Municipal de Mobilidade. Feito que dende Ourense en Común entenden como “a evidencia do pouco interese que o actual equipo de goberno ten polo noso medio ambiente e saúde pública”. Asemade argumentan que “a desidia nesta convocatoria e a supresión no organigrama popular de calquera referencia ao termo mobilidade, sumada ao retraso e escurantismo co que está sendo afrontada a renovación do contrato coa empresa de transporte público, son a proba de que esta temática esencial na construción das cidades do futuro non é unha prioridade para este equipo de goberno”.