Parque Montelagre

O Concello de Ourense vén de presentar as actividades para nenos e adultos no parque Botánico de Montealegre para as vindeiras fines de semana.

“Teatro, Ioga en familia, apicultura e xoguetes realizados con elementos naturais son obradoiros cos que queremos integrar os ourensáns co seu medio máis próximo e, ao mesmo tempo, fomentar o parque de Montealegre como un dos espazo de lecer de referencia para todos os ourensáns”, asegurou o concelleiro de Medio Ambiente, José Araújo, na presentación do programa.

As actividades de adultos serán os sábados 19 e 26 de setembro ás 18:00 horas sen inscrición previa. Esta semana representarase a obra de teatro “Princesas con Conto”, de Delatoute Producións, no auditorio de Montealegre. Serán dúas horas de actividade nas que o Concello pretende “fomentar a conexión entre natureza e cultura, así como demostrar a importancia do traballo en grupo”, segundo José Manuel Méndez, da empresa Bruma, encargada do centro de atención de visitas de Montealegre e das actividades de educación ambiental.

O vindeiro sábado estará dedicado ás abellas co obradoiro de ‘Introdución á apicultura’ para dar a coñecer a súa relevancia na natureza e aprender as técnicas básicas para o manexo da alvariza.

No tocante ás actividades para os pequenos, terán lugar os domingos 20 e 27 de setembro ás 11:30 horas. Aínda que son gratuítas, si que é preciso inscrición previa (na web www.botanicodemontealegre.com ou no teléfono 988 388 135). A primeira delas é ‘Ioga en familia’, na que se quere que o público asistente coñeza os principais exercicios desta técnica en contacto íntimo coa natureza.

O domingo 27 de setembro, e baixo o nome ‘Xoguetes da natureza’, desenvolverase un obradoiro no que os rapaces deberán procurar no bosque elementos para construír os seus propios xoguetes.

O obxectivo destas actividades, todas gratuítas, “é dar a coñcer e utilizar este Parque o máximo posible”, en palabras do concelleiro José Araújo, quen adiantou que xa se traballa na programación de inverno e primavera con obradoiros relativos á observación e estudo do medio ambiente, divulgación dos nosos recursos naturais e actividades de lecer e deportivas no Botánico de Montealegre.