A pesar de que foi aprobada no pleno de agosto, o goberno local aínda non convocou a Mesa de Traballo Municipal de Mobilidade.

Ourense en Común presentou no pleno do mes de agosto unha moción, que foi aprobada, para constituír unha Mesa de Traballo Municipal de Mobilidade. Perante a inactividade do equipo de goberno a este respecto, OueC tornaba novamente a solicitar a súa convocatoria urxente no pleno de setembro, unha urxencia derivaba da inminente celebración da Semana da Mobilidade Europea (que se celebra do 16 ao 22 de setembro).

Pero o luns desta semana, nin o partido político nin o resto de grupos e colectivos sociais relacionados con esta materia foron convocados á constitución da citada Mesa. Feito que dende Ourense en Común entenden como “a evidencia do pouco interese que o actual equipo de goberno ten polo noso medio ambiente e saúde pública”. Asemade argumentan que “a desidia nesta convocatoria e a supresión no organigrama popular de calquera referencia ao termo mobilidade, sumada ao retraso e escurantismo co que está sendo afrontada a renovación do contrato coa empresa de transporte público, son a proba de que esta temática esencial na construción das cidades do futuro non é unha prioridade para este equipo de goberno”.

Adamais, sinalan que por vez primeira en varios anos participando nesta iniciativa, en 2015 “o Concello non convocou nin unha soa actividade dirixida a concienciar e sensibilizar, tanto aos responsables políticos como á cidadanía en xeral, sobre as consecuencias negativas que ten o uso irracional do coche nas cidades, tanto para a saúde pública como para o medio ambiente, e os beneficios do uso de modos de transporte máis sustentables”, analizan dende Ourense en Común, que lembran ademais que “Ourense é, segundo datos do Observatorio de Sostibilidade de España, a terceira capital de provincia máis motorizada só por detrás das insulares Palma de Mallorca e Santa Cruz de Tenerife”.