Obradoiros prácticos, probas de habilidade e unha ruta en bicicleta polo barrio do Couto pretenden concienciar os máis pequenos dos cambios de hábitos.

O Concello de Ourense celebra a Semana Europea da Mobilidade 2015 (16-22 de setembro) con actividades educativas e de lecer para os centros públicos e concertados da cidade. Baixo o lema “Elixe. Cambia. Combina. A túa Mobilidade”, quérese concienciar os escolares de como os pequenos cambios de hábitos poden facer mellorar a saúde, a calidade do aire e reducir a contaminación acústica. Para iso, as áreas de Educación, de Medio Ambiente e de Seguridade Cidadá organizan obradoiros prácticos, probas de habilidade e ata unha ruta en bicicleta pola cidade que chegarán a máis de 750 rapaces.

Os obxectivos principais son os de animar a xente a repensar e utilizar as diferentes alternativas de transporte dispoñibles e escoller a forma máis axeitada para trasladarse, invitándoos a combinar as distintas opcións: “a miúdo pode proporcionar unha viaxe máis rápida e, sobre todo, respectuosa co medio ambiente e co resto dos veciños”, en palabras de Belén Iglesias, concelleira de Educación. “Ir andando ou en bicicleta, en lugar de utilizar o vehículo privado, mellora a calidade do aire, reduce o ruído e prevé a obesidade ao facer exercicio”, son algunhas das mensaxes da Semana da Mobilidade. “Para as distancias longas pódese utilizar o transporte público como alternativa, combinándoo con outros modos non motorizados”.

Para concienciar os escolares, o Concello realizará ginkanas e circuítos de educación viaria, para o que se cortará o tráfico de 9:00 horas a 13:30 horas. As actividades comezarán ás 10:00 horas e terán lugar o venres 18 na explanada da Policía Nacional, con 100 alumnos do Mestre Vide; o 21 de setembro no mesmo lugar, con escolares dos colexios Divina Pastora e Curros Enríquez; o mércores 23, na rúa José Antonio Nieves Conde, con 100 estudantes do CEIP Amadeo Barroso; e o oves 24 de setembro, na rúa Victoria Kent, con 100 alumnos do CEIP A Ponte.

O Día europeo sen coche, martes 22 de setembro a partir das 10:30 horas, preto de 200 alumnos do CEIP O Couto farán un percorrido en bicicleta polas rúas do barrio. A mascota do programa de saúde, Cardio, animará o percorrido.

Ademais, haberá obradoiros de reparación de bicicletas: clases prácticas na que un experto explicará ao alumnado como manter a punto a bicicleta: engraxado, axustes básicos e arranxo de picadas. Estes obradoiros vanse a realizar tanto nos circuítos viais coma nos centros CEIP Prácticas, CEIP San Pío X e CEIP Manuel Luís Acuña.

Igualmente, e con vocación de permanencia ao longo do ano, organizaranse obradoiros de Educación Viaria dirixidos a escolares, mozos e maiores. Desde o Concello quérese facer, ademais, un chamamento especialmente dirixido aos pais e ás nais para que as zonas escolares sexan menos ruidosas, máis agradables e saudables para todos en detrimento do abuso que se fai do coche.