Pon á súa disposición deste colectivo catro vivendas e habitacións na Casa de Acollida e a planta superior do Fogar do Transeúnte.

O Concello de Ourense porá a disposición dos refuxiados sirios varios lugares de acollemento. Así se explicita nun informe remitido polo Concello de Ourense á FEGAMP, do que se deu conta este xoves en Xunta de Goberno Local, onde tamén se detallan os recursos que poñen a disposición particulares e entidades da cidade para o acollemento de persoas refuxiadas procedentes de Siria. Os recursos municipais achegados polo Concello son catro vinvendas, a terceira planta completa do Fogar do Transeúnte, e habitacións na Casa de Acollida Municipal (só para mulleres e menores).

Ademais, tamén se ofreceron varios veciños para ofrecer os seus recursos. Así, este colectivo tamén contará con tres vivendas particulares de familias de acollida, e servizos compartidos de aloxamento con dúas familias ourensás.

No tocante ás institucións que confirmaron ao Concello a súa colaboración cos refuxiados, o Seminario Menor de Ourense pon a disposición 15 camas con baños compartidos, coa manutención incluída, e o Albergue do Seminario (antigo Fogar do Transeúnte) tamén ofrece as súas instalacións.

No que respecta aos recursos adicionais que pon a disposición o Concello e colaboradores, son un Plan Individual de Acollida, articulado dende o servizo municipal de inmigrantes: con acollida, apoio lingüístico, programa de inserción socio-laboral, e acceso igualmente a todos os servizos e recursos das distintas concellerías do Concello de Ourense; 20 voluntarios organizados dende a Concellería de Voluntariado a disposición das familias refuxiadas; e bolsas deportivas e instalacións en clubs da cidade (como é o caso do Ourense CF, entidade comprometida a atender refuxiados) a disposición das familias e rapaces e rapazas.

Igualmente, desde o Concello organizarase un evento de carácter deportivo para recadar fondos solidarios para os refuxiados do conflito sirio.

Outros acordos

Tamén a Xunta de Goberno aprobou a convocatoria de subvencións para o equipamento das entidades veciñais do Concello para o 2015, cun gasto aprobado de 7.952,03 euros.

Polo trámite de urxencia, aprobouse tamén o proxecto de acondicionamento das infraestruturas viarias do polígono empresarial de Seixalbo, que terá un orzamento de 149.531,98 euros.