O grupo de goberno de Barbadás fixo públicos os datos sobre o patrimonio dos oito concelleiros que o conforman na web municipal.

O Goberno municipal de Barbadás vén de publicar os seus datos patrimoniais na web www.barbadas.es. Están dispoñibles para a súa consulta datos relativos ás actividades profesionais, vehículos dos que son propietarios, saldo medio das contas bancarias, bens inmobles e pasivo, dos cinco concelleiros do PSdeG (alcalde, Xosé Carlos Valcárcel; Urbanismo: Victoria Morenza; Educación: Marga Pérez; Medio Ambiente: Rafael Sierra e Deportes: Adrián Varela), e os tres concelleiros do BNG (tenente alcalde: Xosé Manoel Fírvida; Cultura: Ánxela González e Servizos Sociais: Serafín Núñez).

Os datos publicados indican que o alcalde ten un piso en propiedade con valor catastral de 63.000, unha praza de garaxe e unha hipoteca de 87.000 euros, amáis dun saldo bancario medio de 86.000 euros e un coche, un Honda Civic. Pola súa banda, o tenente de alcalde ten o 50% dun piso en propiedade con valor catastral de 49.000 euros máis o 50% dunha praza de garaxe, unha hipoteca de 51.000 euros, e un saldo medio de 9.300 euros, xunto co 50% de dous coches (un Xsara Picasso e un Ibiza e un scooter.

Do resto de edís, destaca o patrimonio de Rafael Sierra, co 100% da propiedade dunha casa unifamiliar, o 50% doutra, un baixo, o 100% de sete fincas urbanas e o 50% doutras dúas fincas urbanas; 32.000 euros de saldo medio, accións en bolsa e un Kía Ceed.

Valoración

O alcalde de Barbadás, Xosé Carlos Valcárcel, asegura que “para o goberno de Barbadás é fundamental a transparencia na vida política”. Destaca ademais que “é moi importante o cumprimento dos compromisos electorais coa cidadanía”. Segundo o rexedor “estes son os motivos polos que se fai pública neste momento a situación patrimonial das persoas que compoñen o actual goberno de Barbadás”. Unha das finalidades polas que se fan públicos os datos patrimoniais “vai en aras de achegar aínda máis a política e os políticos á cidadanía”, remarca o alcalde de Barbadás.

A información aparece na web municipal, no epígrafe Información de interese-Organización Municipal- Datos patrimoniais do grupo de goberno.