A deputada Marisol Díaz Mouteira criticou á oposición por “confundir reorganización da oferta con redución, xerando alarmas fronte ás solucións que ofrece a Xunta”.

A popular Marisol Díaz Mouteira asegurou no Parlamento galego que “a reorganización consensuada levada a cabo no instituto Portovello de Ourense permitiu incrementar o número de prazas, de ciclos e unha maior diversificación da oferta para continuar avanzando cara unha formación profesional atractiva, de calidade, diversificada e axustada a demanda do mercado laboral”.

Díaz Mouteira explicou que a Consellería de Educación levou a cabo no centro integrado de formación profesional de Portovello “unha planificación para ampliar e diversificar no presente curso 2015-16 a oferta de ciclos de FP en Ourense, de xeito consensuado coa dirección do centro e coa inspección educativa”.

A deputada popular criticou á oposición por “confundir reorganización da oferta con redución, xerando alarmas fronte ás solucións que ofrece a Xunta de Galicia”.

En concreto, as modificacións introducidas na oferta no CIFP Portovello no curso 2015-2016 dan como resultado, ademais da incorporación do 2º curso de FP básica, un incremento de 55 prazas respecto do curso pasado, como consecuencia do cambio de presencial a distancia do ciclo medio de atención a persoas en situación de dependencia e a implantación do novo ciclo superior de comercio internacional.

En canto ao repertorio de ciclos ofertados, incorpóranse dous novos: o ciclo superior de comercio internacional e o ciclo superior de animación sociocultural e turística, que completan e diversifican a oferta existente no centro e na provincia de Ourense.

Ademais deses novos ciclos, Marisol Díaz salientou o importante esforzo que suporá a actualización das ensinanzas ofertadas, coa substitución de 4 ciclos LOXSE polos títulos LOE.

“En definitiva, a Xunta procedeu á actualización durante o presente curso da oferta das familias profesionais xa existentes no CIFP Portovello coa oferta formativa dos novos títulos LOE, en substitución dos existentes ou completando a oferta coa incorporación de novos ciclos non ofertados na provincia”, indicou Díaz Mouteira.