Denuncian que numerosas familias non puideran acollerse ao mesmo por unha mala previsión do Concello.

O partido político Son do Pereiro de Aguiar vén de rexistrar unha moción para debater no pleno do 2 de outubro coa que busca impulsar melloras no desenvolvemento do programa municipal Aula Concilia, dirixido a nenos de entre 3 e 12 anos, “como consecuencia da ineficaz xestión do Goberno municipal do PP no municipio”, denuncian.

Segundo sinalan dende este formación, a problemática fundamental é que os populares non fixeron unha boa previsión da demanda que xeraría entre as familias ourensás este programa, principalmente nos meses de verán. Como consecuencia, “unha morea de familias solicitantes quedaron sen cobertura deste servizo público e debido á opacidade nos procesos de inclusión no mesmo xeneráronse non poucas desavinzas entre a veciñanza”, explican.

Entre outras cuestións a proposta de Son do Pereiro aborda unha serie de eivas na xestión do programa, polo que solicitan a elaboración dun baremo para a inclusión no programa de acordo á normativa autonómica; implementar novos vieiros de colaboración no eido da educación non formal que poderían redundar en beneficio deste programa e por extensión noutras áreas de acción do goberno (educación de adultos, participación cidadá); adaptar a xestión do Voluntariado no marco dos programas municipais de intervención social á lexislación vixente; explorar vieiros de financiación en forma de subvencións específicas para administración locais, o que suporía a financiación íntegra das medidas recollidas no proxecto antedito; e introducir outro tipo de medidas relacionadas coa mellora dos programas e acción municipais que gardan relación coa educación social e animación sociocultural.