Para dirixir esta nova iniciativa asumirá a coordinación de ambos servizos Ildefonso Cejudo, actual responsable de HADO e con ampla experiencia en Urxencias.

 

A Xerencia de Xestión Integrada de Ourense porá en marcha en outubro unha nova iniciativa que pretende mellorar a atención urxente, tendo en conta especialmente a aquela poboación mais fráxil, como pacientes crónicos e anciáns, de cara non só a unha maior efectividade asistencial adaptada a nosa realidade poboacional, senón tamén á humanización da asistencia.

Para tal fin, os servizos de Urxencias e Hospitalización a Domicilio potenciarán a súa coordinación traballando en rede, como vía para garantir tanto a continuidade de coidados a domicilio, como mellorar a atención urxente que se presta a uns dos grupos poboacionais mais dependentes deste servizo, como pacientes crónicos e anciáns, que en Ourense constitúen mais do 40% do total de atencións en Urxencias.

A nova iniciativa estará coordinada por Ildefonso Cejudo, desde hai catro anos responsable de Hospitalización a Domicilio, e con ampla experiencia en Urxencias, servizo do que foi coordinador, entre os anos 2002 e 2005. O doutor Cejudo é especialista en Medicina Intensiva, sendo xefe de sección no CHUO desde 1989.

Proxecto de I+D Hospital 2050

Outro dos retos aos que deberá facer fronte esta nova unidade funcional é á posta en marcha de catro grandes subproxectos de innovación, no marco do Proxecto de I+D Hospital 2050, que conta con financiación da Unión Europea, a través dos fondos FEDER, e que terán a Urxencias e á Hospitalización a Domicilio como principais protagonistas.

En concreto, as Urxencias do CHUO, ademais das de Verín e Valdeorras, coordinadas cun Punto de Atención Continuada e o 061, implantarán o Sistema Xestión Intelixente de Urxencias “SIGUR”, que permitirá xestionar todoslos efectivos urxentes dispoñibles, mellorando tanto a información como a coordinación do proceso asistencial. Proxecto que se pilotará desde Ourense para súa extensión a outros hospitais do resto de Europa.

Urxencias tamén será o escenario de TRAZA, proxecto que converterá ao CHUO no primeiro servizo de urxencias, a nivel europeo, en contar cun mapa integral da trazabilidade de pacientes, para coñecer, en tempo real, tanto a evolución do seu proceso asistencial, como a súa localización exacta dentro do hospital. A xeolocalización será clave tamén no proxecto ACUDE, que permitirá aos profesionais emitir unha alerta de seguridade, incluso desde seu móbil, facilitando súa localización e acceso rápido dos servizos de seguridade.

Xunto a eles o CHUO será a referencia central para a implantación do proxecto “Hospital na Casa”, no marco do Innova Saúde, fondamente vencellado a Hospitalización a Domicilio, un dos dispositivos asistenciais mellor valorados polos pacientes en Ourense, e que coa implantación de ferramentas TIC poderase levar a outro nivel.