O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, participou nos actos de celebración do medio século do parque empresarial de San Cibrao das Viñas, que arrancou con 3 compañías e hoxe suma 320 empresas e 8.000 traballadores.

 

O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, salientou ao polígono industrial de San Cibrao das Viñas no seu 50º aniversario como o “kilómetro cero do emprendemento galego” e puntal industrial e tecnolóxico do noroeste español. Conde participou nos actos de celebración do medio século que cumpre este ano o polígono, que arrancou en 1975 coa instalación de tres compañías, Barreiros Ourense (hoxe CIE Galfor), Orember (actual Finsa) e Muebles Calvo, e hoxe suma 320 empresas que empregan a 8.000 traballadores.

“Unha viaxe de 50 anos”, sinalou o conselleiro, no que ten sido acompañado pola Xunta, que ten posto o foco do seu investimento tanto nas infraestruturas do polígono e de Tecnópole, como en apoio das compañías que a compoñen. Así, o conselleiro adiantou que a Xunta está a dar o impulso definitivo á autovía que conectará o polígono de San Cibrao coa Autovía das Rías Baixas. Unha conexión fundamental, na que o Goberno galego investirá máis de 28 millóns de euros grazas aos fondos europeos que a Xunta xa conseguiu asegurar. “Estamos ultimando o proxecto de trazado que neste mes de outubro someteremos a información pública, para escoitar e dar a oportunidade a todos a participar, mantendo o obxectivo de licitar o proxecto construtivo neste mesmo ano”, explicou.

“Un compromiso permanente”, dixo, “coa convicción de que apoiar a mellora das infraestruturas e as conexións do polígono, supón incrementar a competitividade das empresas que forman parte del”. Neste senso, Conde lembrou o Goberno galego está a impulsar ademais as melloras nos viais e nos sistemas de vixilancia do parque.