O prazo de preinscrición nos 127 cursos comezará o 1 de outubro e poderá facerse presencialmente ou online.

 

O Concello abre este xoves, 1 de outubro, o prazo de preinscrición para os cursos 2015-16 da Universidade Popular, actividades formativas para maiores de 16 anos que desenvolve a Concellería de Educación. Logo de acadar rexistros históricos de participación o pasado curso (2.577 matriculados), o 2015-16 rexistra a maior oferta de obradoiros nos seus 21 anos de historia: 127 cursos –45 deles, novos, e 11 deles en modalidade non presencial ou online– para un total de 3.500 prazas.

Nesta edición, presentáronse un total de 452 solicitudes para impartir cursos, das que foron escollidas 127 en función da avaliación previa e da propia demanda. Por iso, engadíronse 45 cursos novos e 11 deles, dispoñibles online. “Entre os máis solicitados, os de iniciación á informática, pilates, ritmos latinos ou restauración de mobles”, en palabras de Sonia Canal, técnico da Concellería de Educación. No tocante ao perfil dos demandantes dos cursos, destacan os parados e xubilados.

Inscrición

O prazo de preinscrición estará aberto ata o 30 de outubro, aínda que desde a Concellería se advirte de que un dos criterios de admisión será a orde de entrega da solicitude. Para iso, a área de Belén Iglesias permitirá facer a preinscrición online a través da web www.educacionourense.com, cubrindo un formulario.

En todo caso, a preinscrición tamén se poderá facer presencialmente acudindo á Concellería de Educación (Praza de San Martiño) ou á Oficina de Atención ao Cidadán (Praza Santa Eufemia).