A Concellería de Xuventude persegue a integración dos participantes no mundo laboral ao tempo que se melloran as competencias de idioma.

Os nove mozos ourensáns que forman parte do Programa de Mobilidade Transnacional Xuvenil (Galeuropa) xa están listos para afrontar as 8 semanas de prácticas laborais no Reino Unido, actividade coordinada desde a Concellería de Xuventude coa finalidade de ofrecerlle a mozos sen emprego unha oportunidade formativa a todos os niveis: profesional, académico e persoal.

Logo dun intenso curso de inglés, os 9 mozos partirán para Londres o vindeiro domingo 4 de outubro regresando o sábado 28 de novembro. Durante este tempo os participantes se aloxarán con familias locais en réxime de pensión completa. A concelleira de Xuventude, sofía Godoy, quixo despedilos esta mañá no Espazo Lusquiños da Mocidade, onde animou os participantes do programa “a coñecer outras formas de encarar o traballo, facer un curso intensivo de inglés e, sobre todo, vivir unha experiencia a nivel persoal e enriquecerse con outras culturas”.

A finalidade do programa é a integración dos participantes nunha organización laboral da capital británica para a realización de prácticas formativas non retribuídas, de modo que se integren na vida local durante o período sinalado ao tempo que se melloran as competencias no idioma estranxeiro.

A Concellería de Xuventude, que conta cunha persoa contratada para supervisar a estadía dos mozos en Londres, adaptou o perfil dos participantes ás empresas de acollida, nas cales será asignada unha persoa que exercerá a titoría das prácticas e se encargará de asignar as actividades que levarán a cabo cada un dos participantes, así como asegurar a efectiva realización das mesmas.