Visita aos quirófanos móbiles

Este servizo obtivo unha puntuación media de 4,77 nunha escala do 1 ao 5 por parte dos pacientes, e un 4,29 por parte dos profesionais.

O 97,5% dos pacientes intervidos nas unidades de atención diagnóstico-terapéutico móbil recomendarían a outros doentes a atención nestas instalacións.

Este dispositivo obtivo unha puntuación media de 4,77 nunha escala do 1 ao 5 por parte dos pacientes e, na mesma escala, máis do 61% puntúan cun 5 a totalidade dos aspectos a valorar, entre os que se atopan o acceso, confort, temperatura, iluminación, illamento acústico, espazo, intimidade e equipamento.

Así o informou o director de Asistencia Sanitaria do Sergas, Ramón Ares Rico, nunha xuntanza cos responsables das Xerencias de Xestión Integrada na que se lles presentaron as unidades con motivo da finalización do uso dos dispositivos como cirurxía maior ambulatoria no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense.

Esta enquisa realizouse por medio dun formulario a todos os pacientes intervidos nos puntos de atención móbiles durante o mes de setembro e, aínda que os datos non son os definitivos, pódese facer unha valoración positiva da aceptación por parte da cidadanía.

Actividade das unidades
A actividade nestes «quirófanos móbiles» iniciouse o día 8 de outubro cos primeiros doentes. Nos 16 días laborables no que o dispositivo estivo a traballar ata o pasado día 25 de setembro realizáronse un total de 80 procedementos, 35 do Servizo de Dermatoloxía, 14 do Servizo de Cirurxía Xeral, 14 do Servizo de Uroloxía, 10 do Servizo de Traumatoloxía, e 7 do Servizo de Cirurxía Vascular . Todos os procedementos contaron coa supervisión do Servizo de Medicina Preventiva e da participación do Servizo de Anestesia. A estes procedementos súmanse, coa correspondente avaliación de pacientes e profesionais, os correspondentes aos desenvolvidos os días 28, 29 e 30, para completar o estudo.

No mes de outubro, finalizada a proba como espazo cirúrxico, as unidades desprazaranse a dous centros de saúde ourensáns -na Gudiña e Ponte Noalla- onde actuarán de forma separada para probar o resto de escenarios: centro de saúde, probas de atención primaria, cirurxía de atención primaria e formación para pacientes.

Obxectivos do proxecto
Esta iniciativa estase a levar a cabo no marco do convenio Innovasaúde, de colaboración co Ministerio de Economía e Competitividade, financiado con fondos Feder de Innovación, dentro do proxecto denominado Punto de Atención Diagnóstico Terapéutico Móvil.

O seu obxectivo é atender as necesidades conxunturais polo incremento da actividade asistencial en zonas que ven aumentada substancialmente a súa poboación en determinados períodos -como a época estival- ou ante o caso de situacións concretas de emerxencia, continxencia ou estacionais.

Ademais, posibilitará resolver as circunstancias de asistencia xeradas por factores de tipo estrutural, como poderían ser unhas reformas nun centro de saúde, nun consultorio rural ou incluso nun quirófano. Doutra banda, poderán ser empregados para impartir formación a pacientes e coidadores en hábitos de vida saudables, actividades preventivas ou para formar a profesionais no manexo de diferentes técnicas diagnósticas e terapéuticas.